ARTE ET ALIA

Alberto Pena, arte e terapia

Constrúe a imaxe sen forma, albiscada no seu interior, escóitaa, e vai separando as súas follas ata que emerxe, logo do seu transo creativo. E no canto de falarlle, a obra está creada, lista xa que logo para conversar connosco...

Pormenor da sala.
Pormenor da sala.
Alberto Pena, arte e terapia

Traballa o artista e docente dende a natureza e coa natureza, rodeando o silencio, coa mirada atenta. Constrúe a imaxe sen forma, albiscada no seu interior, escóitaa, e vai separando as súas follas ata que emerxe, logo do seu transo creativo. E no canto de falarlle, a obra está creada, lista xa que logo para conversar connosco... Así na súa exposición "Corpo, natureza e conciencia", distribuída polas instalacións do hall e a Sala 0 do Centro Cultural da Deputación de Ourense, dende fai uns días. Son os seus formatos cadrados, por veces grandes, mais gusta de xuntalos para formar por adición un orde superior e conformar sistemas. Así no concepto de porta co que se expresa tanto á entrada como con 'Diafragma-caída I', na parede máis interna da sala na mostra. Eis unha portada con lintel, pezas escuras que se contrapoñen á central interior, unha gran porta con un corazón no centro, de cor verde, do que saen arterias. É unha chamada cara o interno, físico e mecánico, de cada quen, por mais que sexa na mente onde pensamos, o interior "intimo meo et superior summo meo" agustiniano. Móvese en proxectos de creatividade, nos que afonda dende o seu coñecemento da Gestalt. Esta é a terapia do aquí e do agora, na que participa o emocional e mental tanto como o corporal, nun enfoque holístico. Pintura e consciencia, emocións, arte e terapia unidas nun afán docente, como dixo José Lino Monjardín no seu "impromptu", cando concluída a presentación das autoridades e do artista, colleu o micro para falarnos do seu amigo. A súa pintura coas costelas-diafragma son fragmentos do espazo interno de cada un de nós integrando organismo e a natureza. Enfronte está a das pedras. En todas amosa unha rede binaria de opostos, vida-morte, interior-exterior, contacto-retirada. Neste proxecto Transpersoal hai lugar para o cosmos fronte ao caos, en dúas obras con redes xeométricas, enfronte da pintura coas canas. 

Na zona da entrada están unha secuencia asimétrica de ollos, 'Iris + estómago', hipnóticos dende o seu tamaño, nos que sentirmos reflexados, coa natureza. O ollo unido á oficina dixestiva nunha simbiose de ver-sentir-vivir. Están alí tamén as pucharcas, un motivo serpentiforme e o segundo "Diafragma-caída", fragmentos do seu Eros-Tanatos. Fronte a elo, a pintura expandida da sala 0. Cos materiais da natureza, pola praia, as crebas de follas, plantas e ramallos, que no taller son moldes para a pegada coas cores acrílicas aplicadas sobre eles con aerosois, e tamén óleo, mesturados e superpostos. Madeiras e pedras engadidas á superficie do cadro nun proceso de integración, e absorción, cara o humus esencial. Son imaxes reparadoras que funden as raíces no cosmos máxico-curativo das antigas ideas de transferencia. Será por ter nacido na costa de Lugo, en Foz, a carón das augas do Cantábrico, que trocou polas do mar de Aldán e de Cangas, no Morrazo, xa na ría baixa de Vigo. Aquí ensina no bacharelato de arte. Entremedias pasou pola facultade de Belas Artes da Universidade de Sevilla, onde se licenciou en pintura. O de Alberto Pena Rey é mergullarse na mar.