RECONOCIMIENTO

O Pura e Dora Vázquez premia o contacto cos mozos

Antonio Yáñez, en literatura, e María Díaz, en ilustración, gañadores nun concurso "de referencia"

O escritor Antonio Yáñez Casal e a ilustradora María Díaz Serantes recibiron onte os galardóns do XIV Premio de Narración e Ilustración infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, instaurado pola Deputación de Ourense para recoñecer a calidade artística de traballos creados para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura destas dúas senlleiras escritoras. 

O colexio público Ben Cho Shey do Pereiro de Aguiar acolleu o acto de entrega, presidido polo presidente provincial, Manuel Baltar, que contou coa presenza de máis de 200 alumnos deste centro educativo, directivos, profesores e representantes institucionais. O acto contou no apartado musical coa actuación de María do Ceo.

Baltar destacou a importancia deste evento "que une infancia e cultura para que a literatura e os nenos sexan un ano máis os protagonistas deste galardón" e remarcou a importancia que a institución provincial "dá á cultura e á comunicación cos premios que anualmente entrega nestes ámbitos". Baltar asegurou que "seguiremos a premiar iniciativas que contribúan a prender a nosa cultura e a impulsar a nosa creatividade".

O autor e a ilustradora recibiron cadanseu diploma acreditativo dun premio dotado con 1.500 euros en cada unha das súas modalidades. 

O escritor Antonio Yáñez agradeceu recibir "un premio literario de referencia no país", e a defensa que o premio supón para a literatura en galego, "da cal cada exemplar que se edita é un tesouro". Pola súa banda, María Díaz destacou do proceso creativo das ilustracións "a plena liberdade que sentín ao deseñar as personaxes, coa idea de que nos mirasen desde o papel, nunha realidade, a súa, moi parecida á nosa".

O xurado destacou da obra galardoada "Do meu nome e outras trapalladas, de Yáñez, "a súa adaptación aos tempos que corren", nun texto cunha linguaxe "directa e crítica, de  lectura sinxela, e que ten gran potencialidade para achegarse ao público mozo.

 En relación ás ilustracións de María Díaz, o xurado dixo que "denotan un profundo traballo de debuxo e transmiten a sensación de que detrás delas hai unha artista con destacada orixinalidade". 

Te puede interesar