biografía

Un autor honesto e comprometido

20170515113819543_result
photo_camera Casares revisando un traballo sobre as súas obras feita polo alumnado no CEIP Carlos Casares de Alxén.

A clareza, a sutileza, unha fina ironía e o seu afán renovador das técnicas narrativas definen o seu estilo

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense o 24 de agosto de 1941, fillo de Francisco Casares Dacal e Manuela Mouriño Pérez. Cumpridos apenas os tres anos, a súa familia trasladouse á vila de Xinzo de Limia, onde o seu pai exerceu como mestre e onde transcorreu a súa infancia.

Non ben feitos os once anos ingresou no Seminario ourensán. Alí iniciouse nos estudos eclesiásticos, formándose en Humanidades entre os cursos 1952-53 e 1956-57. Durante estes anos vivirá nun ambiente fortemente represivo (incluíndo a prohibición estrita de falar galego), que espertará no autor un espírito inconformista. Naquel centro emprende a súa primeira experiencia literaria, o xornal manuscrito “El averno”, que difundía clandestinamente. Posteriormente, remata o bacharelato por libre no Instituto de Ensino Medio de Ourense, asistindo a clases nun colexio do propio Xinzo. Daquela, comeza a manifestar as súas inquedanzas literarias, ao gañar un concurso provincial de relatos que lle dará a posibilidade de coñecer a Vicente Risco

No curso 1962-63 inicia a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Na Universidade entra en contacto con Arcadio López-Casanova, e grazas a el coñecerá a Ramón Piñeiro, ligándose así ao núcleo da cultura galeguista e antifranquista.

Así, estrearase como narrador publicando catro relatos na revista Grial nº 7 (1965), tres dos cales pasarán ao seu primeiro libro publicado, titulado “Vento ferido”, que sae do prelo en 1967 na Colección Illa Nova da Editorial Galaxia. En 1969 virá a lume a súa primeira novela, “Cambio en tres”.

Non ben rematados os estudos de Filoloxía Románica, Casares pasa a exercer a docencia en Viana do Bolo como profesor auxiliar no "Colegio Libre Asociado". 

Os atrancos para exercer a docencia obrígano a se desprazarse a Bilbao. En 1971, de volta do País Vasco, casa con Kristina Berg, establecéndose en Ourense. Despois de gañar por oposición unha praza de profesor de Lingua e Literatura Española no ensino medio, en 1974 comeza a exercer no Instituto de Cangas. A súa carreira docente no ensino medio culminará como catedrático no Instituto de San Tomé de Freixeiro (Vigo) e prolongarase ata a súa morte.

Nos finais da década dos sesenta e inicios dos setenta, Carlos Casares converteuse nun precursor da literatura infantil en galego, ao gañar os primeiros premios de dous concursos convocados pola Asociación Cultural "O Facho": o Iº Concurso de Contos Infantís (1968), co relato A galiña azul, e mais o Iº Concurso de Teatro Infantil (1973), coa peza “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”.

Entrementres, comeza a publicar regularmente no diario La Región, de Ourense, a columna “Con esta lupa” (1972-74), coa que se inicia no xornalismo literario.

A súa obra xornalística, que chegou a gozar unha amplísimo e devoto público lector, foi merecente de numerosos recoñecementos, como os prestixiosos premios Fernández Latorre (1993) e Julio Camba (1995), e, postumamente, o Roberto Blanco Torres (2002).

En 1975, gaña o premio convocado pola editorial Galaxia co gallo do seu 25 aniversario, coa novela “Xoguetes para un tempo prohibido”. Por esta obra élle concedido en 1976 o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Isto lévao a ser recoñecido como unha das voces emerxentes máis renovadoras e representativas da narrativa galega.

En 1978 ingresa na Real Academia Galega cun discurso sobre "O desastre de 1898 e os escritores galegos", respondido por Francisco Fernández del Riego, converténdose no seu membro numerario máis novo.

Carlos Casares participou da política galega nos anos de transición e comezos da democracia, implicándose de xeito intenso na reivindicación da autonomía para Galicia e na andadura inicial das institucións de autogoberno. Así, foi un dos asinantes do manifesto "Realidade Galega", xurdido co obxectivo de conseguir un Estatuto Galego á par do catalán e o éuscaro.

De aí derivouse a súa participación como independente, xunto a Ramón Piñeiro, nas listas electorais do PSdG/PSOE, o que o converteu en membro do primeiro Parlamento de Galicia, elixido no ano 1981.

Rematada a primeira lexislatura da autonomía, Casares pasaría ao segundo plano da actividade política para centrarse na laboura cultural, converténdose en director da editorial Galaxia (1986) e da revista Grial (1988) e chegando a presidir, nos últimos anos da súa vida, o Consello da Cultura Galega (1996).

Durante a década de 1990, Casares viaxou por medio mundo participando en múltiples simposios e encontros.

Durante eses anos, Carlos Casares consolida a súa sólida traxectoria narrativa, e seguiu publicando obras con excelente acollida polo público e a crítica, como a colección de relatos “Os escuros soños de Clío” (1979), que foi merecente do Premio da Crítica Galega de 1982,  e coa que se adianta á voga posterior da narrativa histórica, e a novela “Ilustrísima” (1980), centrada no problema da intolerancia e o dogmatismo.

A elevada calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra literaria (incluíndo o ensaísmo, o xornalismo e a literatura infantil) tornárono nun escritor que gozaba dun indiscutible aprecio entre os seus colegas e os lectores máis esixentes, e dunha insólita popularidade entre o grande público lector, incluíndo o infantil e o escolar. O seu inesperado pasamento o 9 de marzo de 2002 (o mesmo día do nacemento do seu venerado Martín Sarmiento) provocou auténtica consternación no país, que se sentiu privado, dun xeito súpeto e prematuro, dun dos seus creadores máis valiosos e unha das súas voces públicas máis prestixiosas e respectadas. 

Te puede interesar