O presidente do PP presentou 'Falemos de Ourensanía', que amosa o seu pensamento político

Baltar anima ós ourensáns a 'deixar de lado o victimismo'

Manuel Baltar, antes da presentación, ante un nutrido auditorio. (Foto: FOTOS: XESÚS FARIÑAS)
Coa máxima de que 'a Ourensanía é moito máis que xeografía', o presidente provincial, Manuel Baltar, presentou onte un libro co que incita ó diálogo e que recolle as principais liñas do seu pensamento político, de como 'a capacidade dos pobos é moi forte' e a revolución pode comezarse dende Ourense. Deste xeito foi esfarelando o propio autor o volume 'Falemos de Ourensanía', xurdido a partir das conferencias políticas que o dirixente ourensán ofreceu o pasado maio no compostelán Hostal dos Reis Católicos.
A través das preguntas formuladas polo responsable de Auga Editora, Xosé Antón Perozo, Baltar foi deixando entrever os fíos argumentais de 'Falemos de Ourensanía'. Deles salienta o papel das deputacións como leitmotiv porque 'cada día estou máis convencido do seu papel', de xeito que 'ten que haber unha institución que apoie e asista ós pequenos concellos'. Para elas propón solucións como 'a elección directa do presidente e os deputados provinciais'.

Manuel Baltar insistiu en que o concepto de Ourensanía non é un anacronismo senón 'é un xeito de entender o mundo' e, aínda que 'algunhas veces se tildan estes discursos de localistas eu non o vexo como algo pexorativo'. O autor do libro animou ós ourensáns a 'deixar de lado o victimismo' e converter esta na 'xeración Vós', mirando cara a sociedade, que 'ten capacidade sobrada para sacar esta situación adiante'.

Baltar falou tamén do organismo provincial para reafirmar que é 'o mellor lugar para chegar cando un esta namorado de Ourense como o estou eu'. Do seu pai, José Luis Baltar, falou sen falar lembrando que aprendeu a 'non sorprenderse por ningún titular nin virse abaixo con ningún comentario'.

O presidente provincial presentou 'Falemos de Ourensanía' nun Salón Nobre do Liceo ateigado con alcaldes da provincia, representantes sociais, culturais e políticos. Nas primeiras filas situouse a súa familia con Baltar Pumar á cabeza. Tantos foron os asistentes que moitos tiveron que permanecer de pé durante todo o acto. Na mesa, acompañaron a Manuel Baltar e Perozo o político Daniel Barata e o poeta Luís González Tosar.

Te puede interesar