O programa "Bos días Cole" oferta 85 prazas polas mañás no Ruxidoiro e 60 no Filomena Dato
O Concello de Barbadás seguirá mantendo en marcha o servizo de conciliación familiar e laboral "Bos días cole", un programa que lanzou a principios deste curso nos colexios O Ruxidoiro e Filomena Dato do municipio, para acoller aos nenos entre as 07,30 e as 09,15 horas, polas mañás, e entre as 15,15 e as 16,30 horas, polas tardes.
O obxectivo, tal e como explican desde a Concellería de Educación, é "facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar da cidadanía coa apertura dos centros docentes antes e despois do horario lectivo de cada centro".
O programa "Bos días cole", así como o de "almorzos saudables" está dirixido a familias con nenos matriculados nos centros educativos de Barbadás durante o vindeiro curso 2018/2019.
Os nenos que se poderán beneficiar deste servizo de conciliación e atención temperá son 145 alumos polas mañás –85 prazas no Ruxidoiro e 60 no Filomena Dato– 60 polas tardes –con 30 prazas en ambos centros docentes–.
Reservarase un número de prazas para casos que poidan xurdir para uso eventual. O prazo de inscrición está aberto ata 20 de xullo.
Por outra banda, o Concello de Barbadás tamén abriu o prazo de inscrición para poder optar ás actividades extraescolares municipais, que remata, neste caso, o 5 de setembro.