O BNG advirte de que Sanidade privatizará os novos centros de saúde

A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Ana Luísa Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que denuncia que a Consellaría de Sanidade optou por entregarlle a empresas privadas a construción dos novos centros de saúde previstos para 2010 e 2011, entre eles os de Ourense, Pereiro, A Valenzá, Pontedeva e Ribadavia, previstos para este ano.
A deputada do BNG lembra que na memoria da Consellaría de Sanidade dos Orzamentos 2010 da Xunta de Galiza 'aparece unha previsión de investimentos en Atención Primaria polo sistema de iniciativa de financiamento privado (PFI)'. En concreto, os fondos privados achegarán á Consellaría de Sanidade 46 millóns de euros en 2010 e máis de 68 millóns en 2011 para a construción das infraestruturas de Atención Primaria, entre as que están 18 centros de saúde en 2010, entre eles os previstos na provincia de Ourense, e outros 29 centros de saúde en 2011, así como tres Centros de alta resolución.

Bouza critica que 'a Xunta de Galiza non especifica a fórmula que se empregará para a construción con fondos privados nin o tipo de xestión posterior'. Por último, demanda que a Xunta informe sobre os servizos que a Consellaría prevé que non se manterán baixo a xestión pública do Sergas nos novos centros de saúde que teñen previsto construír e cal será o seu novo modelo de xestión.

Te puede interesar