O BNG esixe prolongar unha rúa no barrio de Vistafermosa

O BNG destaca que no PXOM actualmente en vigor, o de 1986, xa se contemplaba a prolongación da rúa

O BNG pedirá no pleno municipal, que se celebra este venres, que o goberno local acometa a prolongación da rúa Xoán Vicente Viqueira, no barrio de Vistafermosa, atendendo unha “vella reivindicación veciñal”. O obxectivo é crear un novo vial que permita a desconxestión dos existentes, a creación dun novo acceso de entrada e saída ao barrio e contribuir a mellorar a mobilidade da veciñanza evitando ter que dar varios rodeos para acceder á estrada do Seminario e á zona do Couto.

Actualmente, a rúa á que se refire o BNG morre no cruzamento das rúas Matilde Lloria e a travesía Vistafermosa. Neste punto existe únicamente un carreiro de terra a pé, empregado pola veciñanza, entre unha serie de terreos sen urbanizar, agás no último treito, o que conecta coa estrada do Seminario e o cal si conta cunha zona pavimentada que da servizo ás poucas vivendas existentes na zona e que a súa vez, comunica coa avenida Ribeira Sacra.

Na moción, o BNG destaca tamén que realizadas as consultas pertinentes, constataron que no PXOM actualmente en vigor, o de 1986, xa se contemplaba a prolongación da rúa e a apertura do que resta do vial actual até a súa conexión coa estrada do Seminario tal e como se pode comprobar na cartografía e nos planos de dito documento.

Te puede interesar