Cadro de persoal de T-Solar: 'O PP continúa sen mostrar unha vontade clara de axuda'

Traballadores de T-Solar, que permanecen concentrados diante do Parlamento de Galicia criticaron a intervención realizada esta mañá polo grupo do PPdeG, ao entenderen que este partido continúa sen mostrar 'unha vontade clara de axuda' para solucionar o conflito de T-Solar.
Un grupo de afectados, conformado por unhas oitenta persoas entre traballadores e sindicatos, iniciaron nesta mañá unha protesta coincidindo coa proposta que ía presentar o BNG para pedir explicacións sobre a situación da empresa, que realizou un ERE extintivo que afectou a totalidade do cadro de persoal.

Finalizada a quenda de intervencións, un portavoz dos traballadores, Brais Seara, manifestou á EFE que por parte da Xunta de Galicia -despois das explicacións ofrecidas- 'continúa sen haber unha vontade clara para procurar unha solución' ao conflito.

Nesta liña, discutiu a afirmación realizada pola deputada popular Cristina Romero Fernández relativa a que o Goberno galego mantén conversas con todas as partes afectadas e replicou que polo menos cos traballadores 'continúa sen haber unha interlocución directa'.

Para este portavoz, a situación está clara, todas as partes teñen capacidade de 'intervir' para procurar 'viabilidade' á empresa que está actualmente en concurso de acredores.

'Nós continuamos propondo o mesmo, e é que a planta non pode pechar', polo que reclaman 'o compromiso da Xunta de Galicia', á hora de procurar unha 'alternativa de continuidade' á fábrica ourensá.

Canto aos motivos da mala situación económica da planta, que derivou no seu cerramento, Seara achacou esa circunstancia 'a unha xestión fraudulenta' do grupo Isolux, que 'non permitiu' que a fábrica puidese dar rendemento.

Unha vez escoitadas as intervencións dos grupos políticos, os traballadores estudarán nos próximos días que tipo de actuacións emprenderán ante a 'falta de solucións' achegadas polo Goberno galego.

Te puede interesar