Dous historiadores ourensáns decidiron loitar contra o descoñecemento existente do castro da cidade establecendo un programa de visitas permanente e independente.

O castro de Santomé inspira ós emprendedores

Martiño Vázquez explicoulles o castro ós estudiantes o pasado xaneiro. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Hai pouco máis dun mes, o departamento de Historia do Campus Universitario levaba ós seus alumnos ata o castro de Santomé coa premisa de dar a coñecer o patrimonio máis inmediato. Ata o conxunto arqueolóxico levaron a Martiño Vázquez e Manuel Gallego como guías. Foi nese momento cando os dous mozos percibiron que o descoñecemento sobre o castro da cidade era incluso maior do que eles pensaban. 'Comezamos a ver que algo fallaba', di Martiño Vázquez.
Para comprobar que as súas sospeitas estaban no certo, os historiadores e responsables da empresa Xeitura, saíron pola cidade, cámara en man, a preguntarlle ós veciños se coñecían Santomé. 'Os datos son claros' e indican que un 90% non coñecen o castro, mentres que o 10% restante se repartiría entre os que saben do xacemento pero nunca foron e os que foron hai anos.

Coa súa condición de arqueólogos por bandeira, optaron por paliar este descoñecemento e comezar a actuar. 'Como temos unha empresa de xestión patrimonial pareceunos boa idea comezar unhas visitas guiadas permanentes' que se desenvolverán cada dous domingos. 'Se fora un ben de interese cultura, teríamos un problema legal porque a lei di que os únicos que poden facer estas visitas son guías turísticos, pero Santomé só está catalogado'. Eles estudiaron Historia e, mentres Vázquez se especializou en Arqueoloxía, Mauel Gallego optou máis pola vía documental.

A acción que agora emprenden é 'en certa medida un acto empresarial, pero por outra banda trátase de activismo cultural'. Martiño Vázquez asegura que observan un alto grao de abandono no patrimonio castrexo da provincia. Para os promotores desta iniciativa, 'nos castros tense intervido, escaváronse e musealizáronse no seu día, pero teñen un problema de mantemento e difusión'.


DENTRO DA CIDADE

'Dende Xeitura opinamos que o descoñecemento non é só un problema cultural, senón tamén de conservación' porque, se chegado o momento, algo lle ocorrera a Santomé, 'non conta cun respaldo social que o defenda'. Por iso, os historiadores queren comezar a cambiar isto canto antes e será este domingo cando inicien as visitas guiadas.

A duración prevista do percorrido é de 90 minutos e establecen un prezo de tres euros por persoa, con descontos especiais para menores de 14 anos, grupos e visitantes que se acheguen en bicicleta. Se ben poñen as 12 horas como fixas, están abertos a outros horarios previa reserva. O que si manterán é o carácter didáctico e lúdico das visitas 'xogando moito cos sentidos e tratando de desenvolver a mirada crítica dos visitantes' para tratar de contaxialos dese 'cariño especial' que ámbolos dous teñen polo castro de Santomé. 'Hai que adaptarse á xente e trasladarlles este sentimento porque aí están as orixes de Ourense', puntualiza Martiño Vázquez, e, ademais, 'ten o valor engadido de que se poee chegar camiñando e o castro inscríbese no propio movemento da cidade'.

Deste xeito inicia Xeitura o seu labor perseguindo a difusión arqueolóxica mediante unha actuación que pretenden extrapolar ó resto da provincia, comezando por Santa Mariña de Augas Santas (posto que a empresa ten a sede en Allariz).

Te puede interesar