O Centro Cultural recibiu máis de 75.000 visitas no 2012

Francisco González e Ramón Conde na inauguración da mostra deste último. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
O Centro Cultural da Deputación pechou o ano coa visita de arredor de 75.000 persoas, que pasaron polas exposicións, conferencias, ciclos, foros, congresos ou xornadas celebrados no seu interior. Esta cifra sitúase 'na liña do rexistrado en anos anteriores', segundo o director do recinto, Francisco González Bouzán.
Aínda que durante o 2012 'puido terse producido un descenso de entre o tres e o catro por cento' no eido expositivo, é unha baixada que se compensa co ascenso doutro tipo de actividades. En calquera caso, responde 'ó propio cambio de dinámica', posto que se alongou a duración das exposicións para adaptarse ós axustes orzamentarios, pero 'creo que seguimos incrementando a calidade das propostas'.

A mostra máis visitada de todo o ano foi a do escultor ourensán Ramón Conde o pasado setembro cun total de 5.238 espectadores. O éxito da súa 'Mirada sobre as actitudes humanas' fixo que fose ampliada en dúas semanas. Ségueo o tamén ourensán, pero neste caso pintor, Manuel Prego de Oliver. A exposición, amosada en febreiro e composta por un cento de obras, constituíu a antolóxica máis importante dende o falecemento do artista e foi visitada por 4.521 persoas. No pasado calendario anual do Centro Cultural salientan tamén a de Manuel Patinha, con 2.088 visitantes, ou as fotografías ganadoras do concurso de Purificación García, con 2.000.

Con estas cifras, o balance que fai a dirección do recinto é altamente positivo porque 'evidencia que o centro é un servizo público e útil a nivel social'. Neste sentido, Francisco González lembra tamén que o bo funcionamento do edificio 'demostra que a cidade é viva e dinámica porque moitas das actividades son xeradas pola propia sociedade'. En canto á cantidade de propostas acollidas polo Centro Cultural l durante todo o ano, o seu director asegura que 'tódolos días do ano houbo cinco ou seis actividades' nas que participar dentro del, entre exposicións, presentacións literarias ou charlas, ademais de moitas outras.

Te puede interesar