Escritora ourensá

Chus Pato: ‘É imposible unha vida sen poesía, outra cousa diferente é lela ou escoitala’

A escritora Chus Pato. (Foto: El Correo Gallego)
O Premio Nacional da Crítica en literatura galega ou o Antón Losada Diéguez, que recibe hoxe en Boborás, ámbolos dous pola súa obra ‘Hordas de escritura’, son só os dous últimos recoñecementos dos moitos que avalan a calidade poética da escritora ourensá Chus Pato. Entusiasta incondicional deste xénero narrativo en galego desde os 11 anos, non conta, polo de agora, con pasarse a outro formato.‘Non teño necesidade’, di.
¿Como se leva ser unha das figuras mais relevantes da poesía galega actual?

Agradézolle as súas palabras pero non creo ser relevante. Con todo direille que a poesía, si ben ten un valor simbólico, o certo é que a súa consideración é mínima e escasamente cambia a vida de quen a escribe. Non é posible vivir da poesía, máis ben vivimos con ela.

¿Onde nace a súa vocación por este xénero literario?


Escribín o meu primeiro poema nunha aula de Xeografía cando tiña 11 anos. A profesora recitaba as comarcas de España e o meu aburrimento era grande, tiña a sorte de estar de lado dun balcón que daba á ábsida da catedral e a unha vaca que pacía no que hoxe é un pequeno xardín. O poema levoume fóra da voz monótona da profesora, de súpeto estaba noutro lugar, desde entón permanezo fiel ao poema.

¿Como definiría a súa escritura?


O poema está sempre preto dun quedarse sen palabras. É algo que nos sucede a todos, son os momentos nos que non sabemos que dicir pero necesitamos expresar ese non saber dicir. Sucede cando a lingua social quedase pequena e non logra comunicar o pensamento, as emocións, os sentimentos... O poema rompe os límites dese idioma do que nos valemos para a comunicación de a diario e expresa ese quedarse sen palabras. Eu trato de que o poema inclúa o mundo sen establecer xerarquías, é unha atención permanente as voces e as escrituras do mundo.

Os seus primeiros poemas saen na revista ‘Escrita’ en 1984. ¿Que queda desa poeta?

Queda todo porque na poesía ao igual que nas artes non hai progreso. A forza poética que unha ten é a mesma desde o primeiro poema. Aprendes, les, adquires destrezas, adestras a mente e o corpo... o poema modifica a túa vida, pero a forza poética non medra. O poema que escribes é sempre o primeiro e nada garante que volvas a escribir. A poesía é un don, un regalo, é noso pero non é propiedade, non podemos dispor del. Vivimos con ela, pero non é propiedade de quen o escribe, é de balde, para o común dos humanos.

A súa poesía asume o compromiso da literatura coas reivindicacións ideolóxicas. ¿E un bo medio para a reflexión crítica?

Si que o é. Eu diría que na miña concepción non pode existir un poema sen pensamento e o pensamento é sempre crítico. A poesía debe estar e facerse cargo do mundo e neso vai implícita unha partitura crítica.

Participa en recitais, mesas redondas, conferencias. ¿A poesía debe ir mais alá da escritura?

A poesía está na escritura, obviamente, pero tamén fóra dela, a escritura é tan só unha manifestación dese movemento amplísimo que é o poema. Está en todas partes, na vida, nos soños, nas emocións, neses esta dos nos que dalgún xeito desconectamos e estamos noutro lugar que a miúdo non sabemos como definir, nese quedarse sen palabras, no nacemento e na morte. É imposible unha vida sen poesía, outra cousa diferente é lela ou escoitala.

Os premios avalan o seu traballo na poética. ¿Haberá un salto a outros xéneros?


Non o creo. Escribir ensaio ou teatro ponden ser posibilidades, pero non creo que escriba nunca algo que non sexa poesía, non teño necesidade, non o sinto, así que vai ser difícil que chegue a facelo.

¿Quedan moitos anos de poesía en galego?


Espero que si. O da poesía en galego ten que ver coa capacidade que teñamos para seguir construíndo e usando o idioma. Sen falantes é difícil que alguén escriba, pode darse o caso de que alguén escriba nunha lingua morta, pero non é o mesmo. O idioma ten que ver con ser ou non ser un pobo; sen pobo non hai lingua e sen idioma non hai literatura, así que eu espero que si. Ao respecto do xénero en si, direille que na miña opinión, si ben é certo que é minoritario, isto non é exactamente unha traba, sempre foi así e sobreviviu ata hoxe en todos os lugares e en todos os idiomas. E volvendo a poesía galega, a verdade é que vendemos máis libros dos que se cre, sobre todo se comparamos con outros idiomas e non só do ámbito peninsular.

¿Estase a coidar a base para acadar novos talentos e interese pola poética?


Dalgunha maneira si, pero os poetas e as poetas novas teñen sempre dificultades para publicar, non só aquí en Galicia; non é un camiño fácil, hai que ter ganas e poñerlle moito empeño. Entre os últimos poemarios publicados por poetas novos hainos extraordinarios.

Te puede interesar