EVENTO EDUCATIVO

Científicos, matemáticos e reporteiros do futuro rétanse en Galiciencia

A maior feira científica de Galicia chega a Tecnópole, con 18 proxectos dos escolares de Ourense.

Máis de 2.000 persoas pasarán pola Galiciencia na edición co maior número de centros escolares participantes. A maior feira científica de Galicia celébrase entre mañá mércores e o vindeiro venres 18 na Tecnópole, en Ourense, coa exposición de 75 proxectos procedentes de 35 centros.

A participación distribúese en 28 proxectos da provincia de Pontevedra, 18 de Ourense, 18 da Coruña e 6 de Lugo, aos que se suman 3 de Biscaia, un de Barcelona e un de Asturias.

Durante os días 16, 17 e 18 de novembro a entidade organizadora, Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, acollerá no seu recinto a carpa na que os 50 equipos de Secundaria e FP mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación en stands individuais. A eles súmanse, fóra de concurso, 25 traballos de Primaria.

Todos eles recibirán a visita de grupos escolares de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes.

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2017.

Matemáticas a todas horas

As actividades paralelas deste ano terán as matemáticas como protagonistas. De feito, a celebración da Galiciencia comezou xa no mes de abril co lanzamento dun desafío matemático, “Atrévete coas matemáticas!”, que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final esta semana.

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que se explorará a relación das matemáticas coa enxeñería e coa natureza, co obxectivo de demostrar ata qué punto os números están presentes na nosa vida cotiá. Esta será tamén a idea principal do espectáculo científico e dos talleres para os máis pequenos, que descubrirán as matemáticas xogando e experimentando con pezas de Lego.

O certame volverá montar a súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día.

Ademais, o público da Galiciencia terá ocasión de visitar unha exposición promovida polo Sergas sobre depresión infantil e xuvenil, na que, ademais de información útil para identificar este trastorno nas idades temperás e para concienciar á sociedade, se mostran fotografías realizadas por adolescentes que sofren esta doenza.

Te puede interesar