SEMANA DA MOBILIDADE

Cine, tapas e arte na defensa "dunha cidade máis saudable"

Os organizadores animan a deixar "os malos fumes" na casa e camiñar, usar a bici ou o transporte público

A organización ecoloxista Amigos da Terra, en conxunto co colectivo cidadán de ciclistas Masa Crítica, a asociación Mobi-liza, Sustinea, o Cineclube Padre Feijoo e a Biblioteca Nodal propoñen diversas actividades culturais e deportivas na cidade durante co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. 

O obxectivo é claro: "Defender unha cidade máis saudable, verde e vivible". Por iso, os promotores buscan sensibilizar aos diferentes axentes sociais sobre as "consecuencias negativas" que ten a "irracional dependencia" dos vehículos a motor na cidade. "Diminuír o uso destes ten moitos beneficios, ademais de contribuir a frear o cambio climático", explican os organizadores.Por iso, as asociacións convidan aous ourensáns a "deixar o coche e os malos fumes na casa" para achegarse a modos de transporte "máis sustentables", como a bicicleta ou o autobús público.


PROGRAMACIÓN


As actividades darán comezo ás 20,30 horas de mañá coa proxección do filme "O ciclista" na Biblioteca Nodal, sede do Cineclube Padre Feijóo. A entrada será de balde para o público. A programación continúa o xoves, ás 20,00 horas, cun percorrido en bicicleta polos diferentes barrios da cidade. Baixo o nome de "Bicivicio", os ciclistas irán facendo paradas en distintos bares, onde tomarán cervexa sen alcol, refrescos e tapas para todos os gustos. O venres celebrarase o "Park(ing) Day", unha iniciativa a nivel mundial na que o obxectivo é convertir unha praza de aparcamento nun parque efémero do que poidan facer uso os cidadáns. Por último, os colectivos animan á poboación a non utilizar o coche durante o sábado 22, Día Mundial Sen Coches, e a moverse pola cidade a pé, en bicicleta ou en transporte público.

Te puede interesar