A entidade retoma a súa actividade cunha programación estable no Auditorio tódolos venres

O Cineclube xa dispón de apoios e inicia proxeccións

A xunta xestora do Cineclube Carballiño, integrada por 12 persoas, xa acadou nestes intres o apoio duns 30 establecementos comerciais e de hostelería para retomar unha entidade que hai aproximadamente oito anos desapareceu e deixou á vila do Arenteiro sen unha programación audiovisual estable.
A campaña de financiamento posta en marcha pola directiva provisional 'obtivo unha gran resposta por parte dos empresarios, xa que lles ofertamos a figura de socio colaborador ó prezo de 30 euros anuais', sinala Ricardo Paz, voceiro do colectivo cultural. Ademais, medio cento de veciños, a nivel particular, entrarán como socios cun abono mensual de 10 euros (cinco euros para estudantes, parados e xubilados).

Así, colaboradores e abonados terán dereito a participar nas primeiras proxeccións programadas, que comezarán no Auditorio municipal o vindeiro 19 de novembro coa película 'Amador', estrea na provincia. As sesións previstas celebraranse tódolos venres, ata o 17 de decembro incluido, en horario de 20.30 e 23.00 horas, con entradas a catro euros. O Cineclube recuperará as antigas carteleiras do casco urbán do Carballiño para publicitar os filmes, e xa abriu un perfil en Facebook para un acceso mellor ás súas propostas.

Te puede interesar