Os cineclubes temen polo seu futuro ante a falta de axudas

Os cineclubes foron asociacións cunha ampla proliferación en Galicia hai algunhas décadas. Hoxe, algúns deles sobreviven coa única pretensión de ofrecerlle ó público unha alternativa ó cine comercial, no caso das cidades, e unha ampla opción de ocio audiovisual no caso dalgunhas vilas. Con esa premisa, hoxe comeza no Auditorio de Ourense o encontro de cineclubes galegos e portugueses (que remata mañá, domingo), que debatirán sobre o seu incerto futuro.
Na provincia son cinco os cineclubes que pertencen á Federación Galega, con sede en Ourense. Tres deles, o da cidade, o do Barco e o do Carballiño, contan cunha programación estable; mentres que os de Amoeiro e Allariz organizan proxeccións menos regradas. Cada un destes colectivos, rexidos por persoas que traballan de xeito altruista, cobra prezos baixos polas entradas que lles permiten compensar os gastos cos ingresos, por regra xeral, pero a xestión téñena transferida na Federación. Manuel Precedo, o presidente, asegura que as axudas da Xunta de Galicia para o 2011 están no aire. En total, o último ano foron 24.000 euros que repartiron entre tódolos cineclubes de Galicia, pero hoxe non está claro o futuro. No caso de que se suspendera a subvención, 'desaparecerían os cineclubes'.

Con el están de acordo os xerentes dos cineclubes do Carballiño, O Barco e Amoeiro. A opinión xeneralizada é esa, tanto para Precedo como para Ricardo Paz, José María Rodríguez e Chema Rodríguez. O problema, insiste o presidente da Federación, 'non é local' pois en cada un dos lugares o público responde. Pero, no caso de que a xestión das proxeccións tivese que facerse de xeito independente, 'non poderían sobrevivir'. Mentres, dende a Xunta sosteñen que 'continúan as negociacións'. Este será un dos temas que tratarán no encontro de cineclubes que hoxe comeza.

Te puede interesar