HOMENAJE OTERO PEDRAYO

Clausurados os sábados de Otero Pedrayo no Liceo

photo_camera Andrés Mazaira, Valentín García e Carme Fernández, no transcurso da ponencia.

O acto contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística

A conmemoración do 40 aniversario do pasamento do escritor e ilustre galeguista ourensán Ramón Otero Pedrayo escribiu onte as súas últimas verbas no Liceo, co peche do ciclo de conferencias que ao longo do mes de abril organizou a Fundación Otero Pedrayo para lembrar a súa traxectoria literaria e intelectual, reivindicar a súa figura para que sexa máis coñecida entre os xóvenes, e resituar as actividades da Fundación de novo na cidade.

A encargada de ofrecer esta derradeira conferencia aos seguidores dun dos impulsores e máximos expoñentes da xeración Nós foi a profesora coruñesa Carme Fernández Pérez-Sanjulián, quen falou sobre “Ramón Otero Pedrayo, narrativa e identidade”. A presentación correu a cargo de Andrés Mazaira, membro da Xunta directiva da Fundación.

Nesta conferencia matinal, tamén estivo presente Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que foi o encargado de clausurar o ciclo de charlas adicado a un dos ourensáns máis respetados e valorados no ámbito do galeguismo.

O epílogo destas xornadas será aínda no mes de maio, coa presentación do texto de Santiago Lamas e Alfonso Mato "De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo", que foi Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015.

Polas xornadas pasaron Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, cunha intervención titulada “O inconmesurable escritor Ramón Otero Pedrayo: un caso singular nas letras europeas do século XX”;  “Ourense as súas terras e xentes”, un discurso que puido ser escoitado na propia voz do homenaxeado e que foi comentado por Afonso Vázquez Monxardín, e Laura Tato Fontaíña, quen disertou sobre “Ramón Otero Pedrayo e o cinema”.

Te puede interesar