As contas de Taboadela volven á baixa no 2022

O pleno orzou 1,4 millóns de euros, 100.000 menos que en 2021

O pleno do Concello de Taboadela aprobou este luns en sesión extraordinaria o orzamento municipal para o ano 2022, que ascende a unha contía de 1.393.500 euros. Dende o goberno municipal, o alcalde Álvaro Vila, asegurou que estas contas “reflexan e reforzan a aposta polos servizos sociais, polo medio ambiente e o embelecemento dos diferentes núcleos do concello”. Así, as contas de Taboadela encadean o seu segundo ano consecutivo de caída, tras os case dous millóns presupostados para 2020 e o millón e medio orzado para 2021. As contas saíron adiante cos cinco votos a favor do grupo de goberno.

Vila afirmou que “seguiremos reforzando a plantilla de servizos sociais” e, como inversión directa, confirmou que se acometerán as obras de humanización dos núcleos de Santa Locaia e Torás. Ademais, tamén se executarán no próximo ano “as obras de rehabilitación da casa rectoral de Taboadela para a instalación da futura casa da cultura”. En materia de vivenda, Vila destacou que se van “licitar e executar” dúas casas para rehabilitarse como vivendas sociais en San Xurxo e Vilar. Como remate, tamén fixo fincapé no saneamento de diversos núcleos e na limpeza e recuperación de camiños.

“CONTAS INFLADAS”

O voceiro do PP, principal partido da oposición ao goberno municipal socialista, José Antonio Paz, deixou claro que “continuamos cun presuposto ficticio”. Paz lembrou que “o primeiro ano da lexislatura presentouse un orzamento de case dous millóns de euros, e viuse que o gasto non se correspondía co orzamento”. Esta crítica esténdese ás contas do segundo ano e tamén ás deste, “que continúan baixando”.

Paz criticou a suba do servizo da recollida do lixo. Recordou que “insistimos en que había que facer un estudo antes de cambiar o modelo”. Condicionou o seu voto a un “compromiso” por parte do goberno local para baixar o gasto “na recollida do lixo e no capítulo do persoal, que se incrementou preto de 200.000 euros en dous anos”. Por último, fixo un chamamento á “prudencia” co gasto do remanente, xa que pode “condicionar gravemente” as próximas lexislaturas. Ante a negativa deste compromiso, o PP votou en contra dos orzamentos. Pola súa banda, o concelleiro de Veta Taboadela, Xosé Antón Calviño, abstívose na votación. Ao igual que o PP, criticou esta “redución anual” dos orzamentos, que “se van axustando á realidade de Taboadela e ás posibilidades de ingresos”. Tamén lle reprochou ao grupo do goberno a redución “á metade das inversións reais, que se quedan en 250.000 euros, dos que a maior parte son para arranxos de camiños”. “Non hai un proxecto de concello real a través de inversións e vívese do que poida chegar por subvencións externas”, sentenciou.

Outro dos temas tratados por Calviño foi a cultura, “que se reduce a unha semana de programación”. “Gastando o mesmo, cremos que se podería facer unha programación que se estendera durante todo o ano”, apuntou.

Te puede interesar