festival de cine

Convocados os concursos da 23 edición do OUFF

A Deputación, que se fai cargo da organización do Festival de cine de Ourense deste ano, crea unha nova categoría, "Fas Muvis. Límite 48h", onde os candidatos terán un tempo límite para a realización e postprodución das pezas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras dos concursos da 23 edición do Festival de cine de Ourense (OUFF), que este ano organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Carlos Velo e que terá lugar do 29 de novembro ao 5 de decembro de 201.

 Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 19 de outubro de 2018.

En concreto, aprobáronse as bases da organización e os premios da competición internacional de longametraxes. As obras deberán estar producidas en 2017 ou 2018, e non foran exhibidas nin editadas comercialmente en España en salas públicas (agás en festivais), televisión e diferentes soportes dixitais antes do 6 de decembro de 2018, e deberán ter unha duración superior aos 60 minutos.

Unha comisión de selección, integrada por membros da organización do certame, será a que convide ás películas a formar parte da sección oficial de longametraxes.

 

En canto aos premios, o xurado outorgará os seguintes: “Calpurnia” á mellor película (5.000 euros), Premio “Carlos Velo” ao mellor director (2.000 euros), Premio “Galicia” da Xunta de Galicia á mellor película galega (2.000 euros), “Premio do público” (2.000 euros), Premio “Especial do xurado”, e o Premio “SGAE á mellor banda sonora”


Sección "Fas Muvis. Límite 48 h."


Esta edición do OUFF crea un novo concurso, a sección “Fas Muvis. Límite 48 h.” para a realización, por equipos, dunha peza audiovisual cunha duración determinada durante un tempo limitado. Cada equipo terá un orzamento pechado para a realización da obra.

A inscrición realizarase por equipos, cun máximo de cinco equipos competindo. Así mesmo, cada equipo poderá estar formado por un máximo de cinco membros que non poderán ser maiores de 28 anos.

Os equipos deberán aportar un documento cun breve currículo de cada integrante, cunha proposta de idea e cunha sinopse de non máis de tres páxinas. Será a organización quen faga unha selección dos equipos concursantes, mentres que os equipos deberán conseguir o material técnico necesario para desenvolver o seu proxecto.

A data límite de entrega de propostas será o 19 de novembro e a lista de seleccionados farase pública o 26 do mesmo mes. Os equipos en competición deberán presentarse o día 30 de novembro ás 17 horas no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” para a entrega de credenciais e para a explicación detallada das bases do concurso.


O tempo para gravar será de 48 horas, desde o venres 30 de novembro ás 20,00 horas, ata o domingo 2 de decembro á mesma hora. Tamén haberá 48 horas para a montaxe, desde o 2 ao 4 de decembro e, a obra definitiva terá que estar subida antes das 23.59 horas do 4 de decembro á plataforma que a organización indicara


O proxecto proposto terá que estar relacionado coa cidade de Ourense (o 40% da peza deberá ser rodada nos exteriores da cidade), destacando os valores arquitectónicos, sociais, históricos, etnográficos ou naturais da contorna.

A duración da peza será de mínimo tres minutos e máximo 10 minutos e pode ser de ficción, documental, promocional ou reportaxe. A obra, que comezará e finalizará co logotipo do OUFF, será en lingua galega, aínda que no caso de ser noutro idioma terá que ter os subtítulos en galego.


En canto ao orzamento, cada equipo terá un máximo de 600 euros para a realización da peza, entregarase a metade do presuposto ao produtor de cada equipo no momento da entrega de credenciais, e os outros 300 euros ingresaranse despois da entrega da peza


Os premios serán de 600 euros para o primeiro e de 200 euros para o segundo posto, das cinco obras seleccionadas. As obras proxectaranse no día do peche do OUFF.


Sección "En Curto"


O concurso da Sección "En Curto" pretende estimular o formato da curtametraxe en Galicia como expresión básica da creación audiovisual. As curtametraxes deberán estar realizadas en Galicia ou dirixidas por unha persoa galega; a data de estrea das pezas que se presenten ao concurso non poderá ser anterior ao 2017, en caso de teren sido xa estreadas.

Así mesmo, as obras non poder exceder dos 20 minutos de duración e a temática será libre, estando admitidos todo tipo de xéneros e modalidades de creación, agás o videoclip e o spot publicitario.


O idioma empregado na curtametraxe deberá ser en lingua galega ou castelán e, no caso de ser noutro idioma, deben estar subtituladas a unha destas linguas. O prazo para presentarse ao concurso será desde o día seguinte á publicación das bases no BOP e ata o día 9 de novembro


As curtametraxes seleccionadas serán proxectadas nunha ou varias sesións durante a celebración do OUFF2018, e as premiadas proxectaranse na entrega de premios.

En canto aos premios, as bases do concurso recollen un galardón elixido polo xurado profesional de 1.000 euros e outro de 500 euros para a segunda curtametraxe máis puntuada. Ademais haberá o “Premio do Público”, dotado con 500 euros, que pode ser compatible cos outros dous galardóns.

A convocatoria de todos os concursos serán publicadas no BOP e na sede electrónica da Deputación.

Te puede interesar