'A coral de Ruada ten moi boa acollida, non podemos pedirles máis ós veciños'

Eladio Quevedo. (Foto: José Paz)
Eladio Quevedo entrou a formar parte da Coral de Ruada con tan só nove anos. O seu paso polo conxunto foi como barítono e, dende o ano 2000, é o seu presidente. O pasado sábado celebraron a asamblea anual, na que aprobaron os orzamentos para este ano, así como a axenda de actuacións.
Que momento atravesa a Coral de Ruada como colectivo?
É bastante bo, a pesar da crise a tódolos niveis. Tanto é así que nós mesmos propuxémoslle a tódolos membros da coral que cando haxa unha cea ou un xantar de confraternidade, pagámola entre todos. A idea é non mermar moito as arcas do conxunto porque, que dúbida cabe, teñen visto reducidos os ingresos. Por exemplo, tiñamos unha subvención fixa de Caixanova que desapareceu, tamén da Consellería de Cultura que agora se limita á publicación duns dípticos.

Falaron tamén da axenda de actuacións. Cales son as principais para 2012?

En maio imos a León. Nas festas de Ouresne teremos o festival internacional de corais. En xullo tamén temos a festa de Oseira, que este ano vai ser máis reducida. Nese mesmo mes adoitamos facer unha intervención a véspera do Apóstolo en Santiago para a que agardamos que nos volvan chamar. O día 30 de xuño imos tamén a Águeda en resposta á actuación desta coral portuguesa en Ourense dentro do certamen de corais.

A crise chega á Coral de Ruada só en números?

Si, redúcense as axudas, pero no demais, gracias a Deus, gozamos de moi boa saúde. Moitos compoñentes da coral que non o eran aínda aprobaron facerse amigos e pagar unha cuota anual, que non é moita. En resumo, os ingresos estimados para o ano 2012 son arredor de 22.700 euros. Pero a estes temos que quitarlle o ingreso de Caixanova. De axudas institucionais agardamos recibir 3.500 euros, das cuotas dos amigos, sobre 4.500 euros, aínda que cremos que se incrementarán cos que se sumen. En total, os ingresos chegarán en torno ós 18.000 euros e os gastos a uns 15.000 euros. Así, terminariamos o exercicio con algo máis de 2.000 euros ó noso favor.

Cal é a súa relación con outros colectivos da provincia?

Nós estamos á enteira disposición de tódolos coros e asociacións que nos chaman. Se traemos a un coro é porque nós estivemos antes alí. A onde imos temos deixado boas amizades. Axudámonos entre todos porque é o que hai que facer.

Falaba de que un dos capítulos nos que pretenden reducir é nas comidas de confraternidade. Que significan para o grupo?
Serven para fomentar o compañeirismo, por iso todos están dispostos a pagar por elas. Ademais de divertirnos moito, é pouco o que adoitamos pagar. Case sempre o facemos en Aixiña porque é unha boa ocasión para facer algo por eles, xa que o traballo que fan é moi positivo.

Aínda que o premio Xabier Prado Lameiro é de moi xove, están contentos coa acollida?
De momento téñeno levado Toxos e Flores de Ferrol e o grupo de danza Castro Floxo. Decidimos poñelo en marcha para homenaxear a Xabier Prado Lameiro, que foi un dos fundadores da Coral de Ruada. Estamos moi contentos co recibimento que está tendo e case tódolos anos temos tres ou catro aspirantes. De Prado Lameiro imos facer unha edición facsímil das súas obras completas, que agardamos que estean listas este ano.

A Coral de Ruada ten en Ourense un público fiel?

Si, moito. Aquí temos moi boa recepción e normalmente enchemos en tódolos concertos. Máis non podemos esperar dos nosos veciños. Otero Pedrayo, por exemplo, dixo que a Coral de Ruada era un luxo para a cidade.

Cal diría que é a clave do éxito para que 94 anos despois sigan enchendo nos concertos?
Facemos un tipo de música que tendeu a desaparecer. Centrámonos en pezas galegas, o que non quita que fagamos polifonía universal. A agrupación naceu na Villa Joaquina e, como aínda existe, queremos poñer unha placa conmemorativa. Por outra banda, estamos agardando que o Concello lle poña unha rúa á Coral de Ruada despois de 94 anos de traballo.

Despois de 62 anos na Coral de Ruada, cal é a etapa que mellor lembra?
Sobre todo, cando non era presidente. Gústame lembrar as viaxes, porque antes non tiña as responsabilidades que teño agora e podía facer o que hoxe non podo. En calquera caso, no meu traballo como presidente, os membros da xunta de goberno axudan moito e eu delego moitas responsabilidades porque se quixera facelo presidencialista, morrería todo.

Te puede interesar