ENTREVISTA

Eliseo Fernández: "O transporte metropolitano é fundamental para o futuro do concello"

Cando remate este mandato, o alcalde de Pereiro de Aguiar Eliseo Fernández, sumará 32 anos como como rexidor deste concello

Eliseo Fernández entrou na política municipal no ano 1983, como concelleiro en Pereiro de Aguiar. "Son cousas nas que se mete un, moitas veces sen saber moi ben onde te metes, pero o certo é que había problemas gordos no Concello e un grupo de persoas parecíanos que intentando traballar podíamos sacalo adiante, e chegamos a conseguilo", recorda o rexidor, que accedeu á alcaldía no ano 1987. "Ó rematar este mandato chegarei aos 32 anos como alcalde, a mitade da vida entregado á política".

Arrepentiuse nalgún momento de terse metido en política?

Non, nunca, ó contrario, estou satisfeito. A veces hai algún sinsabor, pero hai moitas alegrías, porque a xente adoita ser moi agradecida e todo o que fas, falo coa mellor vontade do mundo. Gústache facer cousas e facelas o mellor posible, porque é a nosa misión, escoitar as demandas dos veciños e logo, poder executalas. Aquí non pintamos outra cousa".

Houbo moitos cambios neste novo mandato con relación aos anteriores?

Sí, claro que houbo cambios. Entrou xente nova, foise outra, e os que veñen teñen que acostumbrarse ó Concello, pero en liñas xerais, a xestión segue a misma liña.

A proximidade do polígono de San Cibrao qué aporta de positivo e de negativo a Pereiro de Aguiar?

É unha ventaxa grande, pois o polígono industrial de San Cibrao está prácticamente pegado ó noso parque empresarial e eso axuda moito. Axudámonos uns os outros, porque as empresas están comunicadas e como as distancias son mínimas, eso é un potencial grande para o noso Concello e para o de San Cibrao das Viñas.

Está prevista a ampliación do Parque Empresarial?

De momento aínda hai parcelas libres, 18 neste momento e hai varias que están realizando construccións, pero posiblemente haxa que pensar pronto nunha ampliación, porque o parque aínda ten moita capacidade de crecemento.

E a veciñanza da capital da provincia, como repercute en Pereiro de Aguiar?

A capital, cara os concellos limítrofes, o único problema que temos hoxe, o máis acuciante e preocupante, é poñer en marcha o transporte metropolitano, algo que é fundamental para o futuro do Concello. Levamos moitos anos traballando con eso, co concello de Ourense e non fomos capaces de poñelo en marcha. Ahora parece que a Xunta de Galicia está dacordo. Nos xa fixemos un convenio coa Xunta hai moitos anos, pero o Concello de Ourense aínda non foi capaz de sacalo adiante a agora mesmo ten outro atasco, pois nun dos últimos plenos que celebrou votaron en contra os grupos da oposición e a ver agora que solución lle buscan. Todos os concellos firmamos adherirnos ó convenio. Despois, a forma de desenvolver o transporte haberá que ver se somos capaces de engadir algunha liña máis ás institucionais. Nos aquí temos dúas liñas, unha as sete da mañá e outra ás sete da tarde e a eso non se lle pode chamar transporte metropolitano nin cousa que se lle pareza.

Cales son as demandas concretas de Pereiro de Aguiar?

O que queremos conseguir é que a Xunta nos autorice crear algunha liña máis. A uns sitios faran falta máis liñas ca outros, pois os pobos están moi desperdigados e para uns é posible que sexa suficiente con unha liña, pero para outros ó mellor fan falta tres ou catro. Este é un asunto que hai que programar e ver o que nos van permitir facer, porque de momento eu non o sei, pero se Ourense non aproba o convenio non se pode facer nada.

Pereiro tivo un servizo de transporte municipal, por que desapareceu?

Tivemos un servizo de transporte, de cinco liñas con cinco servizos cada liña, pero tivemos que retiralo, pois perdía moitos cartos.

Pereiro é un dos poucos concellos ourensáns que gañou poboación, o que cando menos garante o seu futuro.

Pois sí, no ano 2005 a nosa poboación era de 5.487 habitantes e hoxe estamos en 6.363. Non temos o problema da despoboación e se o transporte metropolitano funcionara hoxe estaríamos por enriba dos 10.000 habitantes. A xente se ten servizos vense vivir aquí e nos temos todos os servizos que se precisan para disfrutar dunha alta calidade de vida.

Ten problemas de paro o Concello?

Sí, a pesar do polígono, hai problemas de paro, aínda que no último ano conseguimos reducilo. Hoxe temos 373 parados, 52 menos que o ano pasado por esta época. A crise notouse, pero víase que as empresas estaban repuntando, pero agora volte a estar todo medio estancado. A incerteza política está afectando á economía. A xente ve o que está pasando, volve a coller medo, as empresas non envisten por falta de confianza e eso afecta ó traballo. Sempre pasa o mesmo cando hai un evento electoral. Eu teño unha empresa e tamén o estamos notando.

Cales son os principais proxectos que se marca para este mandato?

Un, como é lóxico, conseguir o transporte metropoliltano. Despois temos varias obras en mente, como é a canalización da Derrasa, metendo un abastecemento e saneamento novo. Queremos mellorar o alumeado público e, de xeito próximo, vamos facer dous campos de fútbol, o de Vilariño e o de Meliás. Son de terra e queremos poñerlle herba artificial. Estes son os proxectos que temos máis avanzados.

Afrontaos só o concello ou teñen aportación doutras administracións?

Financiarémolos cos presupostos do Concello e con axuda da Deputación e da Xunta, pois a colaboración institucional é moi boa. Outro gran proxecto no que estamos a traballar é o novo centro de saúde. Nós xa aportamos o solar á Xunta, que nos custou máis de 180.000 euros, e nestes momentos, a Consellería de  Sanidade está a facer o proxecto.

Como ve o futuro de Pereiro de Aguiar?

Véxoo moi ben. Penso que se somos capaces de sacar adiante estes proxectos, o futuro é bo, porque a cercanía da cidade fai medrar o Concello e porque medra o parque empresarial e toda a actividade. E nos seguiremos traballando para atender as necesidades que nos vaian prantexando os veciños día a día.

Te puede interesar