A última enquisa de saúde oral en España conclúe que é necesario potenciar estes programas de atención dental
O CEIP de Os Blancos participará, xunto con outros 43 centros educativos de infantil e primaria ourensáns, no programa "Coidando a miña boca", que promove a Consellería de Sanidade. A formación, que se iniciou onte no centro limiao, está dividida en tres partes: unha charla teórica na que se explica a función dos dentes e da boca, as enfermidades máis frecuentes neste senso e as medidas preventivas para loitar contra elas. Posteriormente proxéctase un vídeo coa finalidade de sensibilizar aos participantes sobre a importancia da alimentación e da hixiene na saúde bucodental e, para rematar, celébrase un xogo dental.
En Galicia, segundo o último informe elaborado por Sanidade, a saúde bucodental dos escolares evoluciona favorablemente. A prevalencia de carie continúa descendendo no grupo de 12 anos. A última enquisa de saúde oral en España conclúe que é necesario potenciar estes programas de atención dental.