ENTREVISTA

“Falar da masonería é de xustiza, polo que loitou pola democracia"

Será a súa primeira intervención pública en Ourense, maná no Liceo ás 20,00 horas

Carlos Pereira Martínez, historiador e membro de Honra do Instituto de Estudos Masónicos de Galicia.
Carlos Pereira Martínez, historiador e membro de Honra do Instituto de Estudos Masónicos de Galicia.
“Falar da masonería é de xustiza, polo que loitou pola democracia"

O historiador Carlos Pereira impartirá, maña no Liceo ás 20,00 horas, a conferencia "A masonería e a represión en Galicia e Ourense", dentro do programa de Amigos da República para conmemorar o Día da República.

É a primeira vez que a masonería centra estes actos. Cal é a sua importancia?

Paréceme de xustiza que nestes actos poidase falar da masonería, unha institución filantrópica e iniciática, unha fraternidade universal que ten xogado un trascendental papel histórico na construción dun ideal democrático, de igualdade, de respecto ás ideas alleas, de impulso da educación, de extinguir os odios de raza ou de crenzas.

Cal foi o papel dos masóns en Ourense?

En Ourense e en vilas como Ribadavia, Verín, O Barco ou Celanova, tanto no século XIX como no XX creáronse varias loxas masónicas, con nomes tan suxerentes como "Adalides del Progreso", "Luz del Avia", "Auria-Amor", "Luz de la Celda" ou "Constancia", nas que participaron personalidades moi relevantes, non só na historia da provincia senón de Galicia. 

Como cales? 

Como non lembrar, no século XIX, ao noso gran poeta cívico, Manuel Curros Enríquez, a Juan Manuel Amor Pereira, Juan Sieiro González ou Cesáreo Rivera Abraldes. No XX, destacaron Manuel Suárez Castro, alcalde de Ourense, ou Benito Cancela. Fóra de Galicia, iniciáronse na masonería figuras como Eduardo Chao, Juan Manuel García Barbón, Arturo Vázquez Núñez ou Eduardo Blanco Amor.

Como ten pensado enfocar a charla de mañá?

Iniciarei cunha breve semblanza da celebración do tricentenario da fundación da masonería, en Londres, e a súa chegada a España. Logo irei facendo un pequeno repaso sobre a masonería na historia de Galicia e os diferentes ámbitos nos que os masóns galegos se implicaron, para finalizar cunha análise do que significou o proceso de represión da masonería española, galega e tamén a de Ourense, desenvolvida en varias fases polo réxime franquista. 

Que mensaxe quere dar?

Confórmome con que o público poida ter unha idea máis clara do que representou e representa a masonería, unha institución que, como ela mesma se define, traballa polo progreso moral e intelectual da humanidade.

Que importancia cre que teñen os actos de Amigos da República?

Son un referente en toda Galicia. Téñome admirado da súa capacidade de convocatoria.