Falece o actor Ernesto Ferro, habitual das series galegas

O actor ourensán Ernesto Ferro faleceu durante a madrugada do pasado domingo na casa familiar ós 86 anos. Aínda que herdou do seu pai a profesión de ebanista, que exerceu toda a vida e na que se xubilou, a cara de Ferro fíxose coñecida para o público galego na serie 'Pequeno Hotel' (2001), onde interpretaba o papel de pai de Gloria Ferreiro (Dona Hermitas).
Despois virían as longametraxes 'Días de voda'con Asunción Balaguer e 'O ano da carracha', así como as curtametraxes 'A petición de man' e 'Instalación'. Ernesto Ferro deu o salto fóra das fronteiras galegas intervindo nun capítulo de 'Hospital Central'.

O técnico de Cultura do Concello de Ourense, Manuel Freire, lembraba onte que era unha persoa moi coñecida no barrio de San Francisco, onde sempre exerceu a súa profesión. Freire asegura que o seu carácter era 'alegre, extrovertido e sempre estaba contando cousas'.

A faceta de Ernesto Ferro como actor iniciouse na Escola Municipal de Teatro, no grupo 'Aturuxo', así que concluíu a súa vida laboral fabricando mobles. O do ourensán foi un papel activo na cidade, promovendo o grupo de xubilados de Caixa Galicia e aportándolle a súa voz a diferentes colectivos corais. Foi con 75 anos, hai agora 12, cando lle chegou a oportunidade como actor televisivo.

Te puede interesar