‘‘HAI UNHA TENDENCIA A FUXIR DA PALABRA ESPAÑA E hai que dicila con orgullo'

Roberto Castro García posa no seu despacho (Foto: Martiño Pinal)
O ourensán Roberto Castro García asume dende o pasado día 3 de febreiro o cargo de subdelegado do Goberno na provincia, un cargo que segue a máis de 20 anos na primeira liña da vida pública e política.
Como se sinte tras estes primeiros días ó mando da Subdelegación do Goberno?
Con moita ilusión e gañas de poñer o mellor de min ao servizo de Ourense. Estes primeiros días servíronme para tomar contacto cunha realidade nova, para aproximarme aos funcionarios da Subdelegación. Case non lle da a un tempo para respirar, comezan axiña os trámites e os cometidos. Teño unha enorme responsabilidade que, por suposto, asumo coa ilusión e a entrega de servir á cidadanía.

Chega ao cargo nun momento de carestía económica e de repunte dos índices de delincuencia. Como xestionar esta dinámica nun rural despoboado e avellentado?
É algo que a todos nos preocupa. A miña máxima teima será a de defender os intereses dos cidadáns vivan onde vivan, na cidade ou no lugar máis afastado da provincia. Os membros dos corpos de seguridade desempeñan o seu traballo con profesionalidade e estes repuntes danse de xeito puntual e transitorio. Aínda que queden reflictados nas estatísticas, o certo é que o índice de criminalidade é baixo nesta provincia.

Compren entón máis axentes?
É cedo aínda para falar diso. Penso que non é cuestión de discutir números neste momento, senón de valorar o extraordinario esforzo que fan tanto os axentes da Policía Nacional como os da Garda Civil e os das policías locais, que é moito.

O Sindicato Unificado de Policía manifestou xa a súa intención de pedirlle que se dote a Ourense dunha unidade de delitos informáticos. É precisa?
É algo que valorarei, por suposto, cando me pidan a súa creación, algo que aínda non ocorreu. A tecnoloxía leva aparellada ventaxas, pero tamén inconvintes se se emprega mal. Teremos que estudar se é necesaria na provincia.

Ten algunha preocupación que, como subdelegado, ronde a súa mente na actualidade?
Fundamentalmente, o que preciso agora mesmo é tomar contacto pleno con esta realidade á que teño que servir con toda a miña adicación e vocación. Preocúpame, insisto, Ourense, e poñerei o mellor de min mesmo ó seu servizo.

Como asumiu o cambio de pasar da política autonómica ao cargo de subdelegado?
Penso que debemos adaptarnos ás novas realidades que nos toca vivir. Fun secretario xeral do meu partido a nivel provincial, deputado durante 20 anos, director xeral durante tres, e todo iso significou para min unha aprendizaxe que poño hoxe ó servizo desta nova responsabilidade. Se non hai experiencia previa é difícil adaptarse e ser útil. Asumo o cambio con normalidade e creo, modestamente, que teño a capacidade suficiente para adaptarme a este novo cargo.

Recibíu algún consello que tomara en especial consideración para ocupalo?
Sempre hai bos consellos e bos comentarios, pero asumo esto con prudencia, con cercanía aos cidadáns, con ilusión, con lealdade. Debo ser unha ponte entre o Goberno e os cidadáns.
No eido político, compre adiantar as eleccións autonómicas?
É unha facultade que corresponde ó presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Fará o mellor para Galicia, estou convencido. Coñezo a súa honestidade e o seu bo facer e, neste senso, disolverá a Cámara cando realmente considere que debe facelo, en interés supremo de Galicia, única e exclusivamente.

Cando mira cara o pasado, supoño que se lembrará moitas veces do órdago lanzado en 2004 ao entón presidente da Xunta, Fraga, para facer valer a forza do PP de Ourense?
É un episodio xa do pasado que pechamos cun abrazo ó presidente Fraga, que en paz descanse. Na vida non sae todo como un quere, un ten erros e acertos, indubidablemente. Fixémolo por un interese realmente da provincia naquel momento. A historia xulgará se estivemos acertados ou non.

Pensa que aquelas reivindicacións teñen vixencia aínda?
Os congresos daquela época recollen o galeguismo como un sinal de identidade de Galicia e iso non quere dicir que non poidamos formar parte dun partido de corte nacional español. O galeguismo está incorporado á ideoloxia do PP.

Que relación mantén con presidente do PP e novo presidente da Deputación, Manuel Baltar?
A miña relación con el é extraordinaria, ao igual que a que tiven co resto de presidentes anteriores a él, como José Luis Baltar. Sempre fun leal a todos, e serei leal ao actual. Sinto un profundo respecto por el e polo seu traballo. Désexolle o mellor nesa nova andaina súa como presidente da Deputación.

Comparte ese ourensanismo do que fala Manuel Baltar?
O ourensanismo é un sinal de identidade de todos os que vivimos nesta provincia. Nos meus tempos de rapaz dicíase 'ser galego unha carreira, e de Ourense catedrático', era unha pegatina que andaba nos coches (risas), algo deso haberá. Non se entende España sen Galicia, pero Galicia sen Ourense tampouco. Todos eles conformamos un gran país que é Galicia e unha gran nación que é España, e polo tanto, eu síntome orgulloso de ser de Ourense, que non quere dicir que deixe de ser galego, que o son, e español, que tamén o son. Síntome ourensán, galego e español. Hai unha tendencia a fuxir da palabra España, e creo que hai que pronunciala con orgullo.

Apela ao patriotismo?
Pero sano, non acomplexado, respectuoso cos demais. Todos sumamos a esa gran nación.

Que desexos lle gustaría que se fixesen realidade en Ourense?
Que sexamos capaces de avanzar cara a modernidade; e teñamos capacidade e gañas de seguir loitando por esta provincia, que é o que vou facer mentres me toque asumir esta responsabilidade. n

Te puede interesar