Milleiros de rapaces galegos recitaron onte simultaneamente os versos de 'Deitado fronte ao Mar'. Unha homenaxe o seu autor, Celso Emilio, e tamén unha reivindicación do galego 'lingua proletaria do meu pobo'

A hora de Celso Emilio Ferreiro

Os nenos do Padre Feijóo de Allariz bailaron ó ritmo de rap. (Foto: MARCOS ATRIO)
En clave poética ou ó ritmo de rap; nas rúas, na praia ou no patio dos colexios, máis de 30.000 alumnos de toda Galicia participaron onte no recital simultáneo de 'Deitado fronte ao mar' de Celso Emilio Ferreiro convocado pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
Preto de 200 centros escolares galegos, unha veintena da nosa provincia, sumáronse á iniciativa convocada para as doce da maña do día 12 do 12 do 2012, e a través da cal quixeron culminar o centenario do escritor celanovés. O reivindicativo e comprometido poema, ao que se sumaron diferentes colectivos culturais e sociais galegos, tamén se difundiu polas redes sociais. 'Lingua proletaria do meu pobo/eu fáloa porque si, porque me gosta/porque me peta e quero/e dáme a gana', twitteaban masivamente os internautas.


CAMBIO DE NOME

A pesar do carácter global da convocatoria, o recital non chegou a súa terra natal. Por motivos diversos, os cativos de 'Onde o mundo se chama Celanova', non se sumaron á iniciativa; ainda que os responsables dos centros locais subliñaban que levan todo o ano organizando actividades e participando en actos relacionados co autor de 'Longa noite de pedra'.

Froito deste ano de conmemoración, dende o instituto celanovés informaban da aprobación, por parte da Consellería de Educación, do cambio de denominación do centro polo de 'Instituto Celanova Celso Emilio Ferreiro'. 'É unha designación que nos honra e inspira', apuntaban dende o centro.

A curiosa data do 12 do 12 do 2012, tamén foi a proposta polo director celanovés Aser Álvarez á canle da TVG para a emisión do documental '100% CEF'. Un intenso traballo de investigación e achega á vida e obra do poeta que o día 28 estrearase en Celanova.

Te puede interesar