ANIVERSARIO

As Irmandades, a base do que somos

Ourense. 18-10-16. Local. exposición Irmandades da Fala.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera A mostra está integrada por cartos que esconden tesoros do movemento cultural do século pasado

As Irmandades da Fala cumpren este ano o centenario da súa creación. Cen anos do nacemento dunmovemento que foi base para crear a Galicia normalizada de hoxe en día e que agora é lembrada por unha exposición no Marcos Valcárcel.

O coñecemento das Irmandades debería de formar parte da cultura cívica deste país", afirma Henrique Monteagudo (Muros, 16 novembro do 1959). É o secretario da Real Academia Galega, unha institución, que xunto co Museo do Pobo Galego, a Deputación da Coruña e a de Ourense traen estes días ao centro cultural Marcos Valcárcel a exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!", unha mostra itinerante coa que se celebra o centenario desta agrupación histórica.

Monteagudo entrou na Academia no ano 2012 no lugar de Antonio Gil Merino, e hoxe contribúe dende ela á lembranza dun movemento que puxo no debate público "a reivindicación do carácter nacional de Galicia", explica. Razoa que eso para estes intelectuais "significaba reivindicar o carácter nacional do país, da lingua e da cultura galegas. Facer un esforzo pola súa modernización nos seus distintos aspectos, no literario e no artístico".

O movemento, que xurdía na Coruña en 1916 da xuntanza dos vellos rexionalistas e os novos activistas republicanos, reunía a todos os intelectuais galegos de inicios de século, coma os ourensáns Otero Pedrayo, Vicente Risco e Antón Losada Diéguez ou persoeiros como Castelao e Villar Ponte, que pronto asumiron como propia a construción dunha cultura galega en todos os sentidos posibles.

Eles deixaron tras de si un legado que Montegudo define como "case invisible para nós". Unha situación que considera boa porque "moitas cousas que nós damos hoxe por feitas, e que non se discuten, como o autogoberno, a autonomía, a oficialización do galego, a existencia dunha literatura ou dun sistema literario galego, en realidade son conquistas que en boa parte debemos ao labor das Irmandades" e engade que era algo que "non estaba claro a primeiros de século ou durante a ditadura".

O traballo da agrupación, explica o secretario da RAG, "foi recuperado durante a ditadura polos resistentes do galeguismo do interior e do exilio", para logo ser herdado pola autonomía en Galicia na democracia, explica. Algo "non se entendería" sen as Irmandades. En "Saúde e Terra, irmá(n)s!" pódese voltar ao ambiente da época a través dos vídeos, fotografías, manuscritos, audios e documentos históricos, coma o anteproxecto do Estatuto de Autonomía.

Son os anacos que quedan da historia dunhas reivindicacións que sentaron base, e que Monteagudo considera que non están completamente cumpridas. "As cousas básicas están conseguidas como a autonomía, oficializar o idioma, o apoio á cultura... Pero non hai que esquecer que as Irmandades foron basicamente un movemento nacionalista e o seu horizonte histórico ía máis aló". Explica que para eles, "esto eran conquistas imprescindibles pero a súa meta era un pleno autogoberno e unha plena recuperación da lingua e cultura galegas, que hoxe non o podemos dar por feito".

Outro feito é que a sociedade pola que estes intelectuais traballaron mudou moito nos últimos 100 anos. "No tempo das Irmandades o 90% da poboación de Galicia falaba galego nas súas casas e hoxe lamentablemente será a metade a cifra de galegos que xa non falan nos seus hogares" explica o secretario da RAG. Unha ironía que resume en que "o que gañamos no institucional ou o uso público do idioma, perdémolo no soporte máis forte que é o uso diario e a transmisión familiar". Unha perda que considera "inexplicable sen a ditadura" pero na que tamén cre que teñen culpa as institucións, "é un grave fracaso da autonomía. Que as institucións autonómicas propias non conseguiran frear ou reverter este proceso é un fracaso histórico", remata.

Sobre a situación da lingua reflexionará o día 26 no Marcos Valcárcel. "Lingua e ideas lingüísticas" estará moderada polo presidente da Real Academia, Xesús Alonso, e contará coas achegas dos académicos Rosario Álvarez, Antón Santamarina e do propio Monteagudo.

Te puede interesar