O xornalista situou a saída da crise no aumento das exportacións, o turismo e no impulso de capital para as Pemes

José Luis Gómez: 'O gran problema de España é que non ten credibilidade'

Público asistente ó Foro La Región. O salón estaba cheo. (Foto: FOTOS: XESÚS FARIÑAS)
A conferencia do prestixioso xornalista José Luis Gómez, baixo o título 'Crise en España: Hai saída tralo rescate?', semella que non puido chegar noutro momento máis oportuno á cidade, posto que tivo lugar onte no Centro Cultural da Deputación, o mesmo día no que o goberno anunciou unha longa lista de medidas para tentar atallar a saída á crise, o que se traduce, en cifras, nuns 65.000 millóns de euros. A presentación da actividade enmarcada no Foro La Región, correu a cargo do enxeñeiro de Camiños, Canales e Portos e presidente de Engasa, Benito Fernández.
A crise, desgranada en varios tipos -burbulla inmobiliaria, financieira, da débeda, política ou do comercio internacional- conta para Gómez cun denominador común que é a 'crise de confianza', que agrava un dos problemas de España na actualidade, 'que non ten credibilidade' no exterior.

A partir diso, a descripción do escenario actual foi de 'impostos máis altos, con salarios máis baixos e máis desempregados, sen ir acompañados dun aumento da producción'; ó que Gómez engadiu que 'non somos competitivos'. E hai un propósito claro para o xornalista: 'Hai que pagar o que debemos, que é unha barbaridade e non perder de vista a balanza de conta corrente'.

Pero, lonxe de manter un discurso pesimista, o xornalista económico concretou que os pilares da recuperación pasarían por manter o turismo, pensar en exportar ou potenciar os mercados de capitais para Pemes. Nembargantes 'para poñer a andar a locomotora, algo que leva moito tempo', o goberno optou por medidas que causan un maior impacto a curto prazo, como o aumento do Ive ou os recortes ós funcionarios públicos, explicou Gómez.

Alemaña foi durante a ponencia un dos países máis lembrados, dado o seu peso na Unión Europea. Pero Gómez vaticinou que 'rematará soltando a corda dentro duns meses'. Asemade, afirmou que 'se sae Europa da crise, sae España'. No caso da recuperación de Galicia, as saídas que apuntou Gómez estiveron relacionadas coa explotación do monte e da xestión forestal ou co sector pesqueiro.

O numeroso público que seguiu a conferencia e, tamén participou no turno de preguntas, premiou a intervención cun sonoro aplauso.

Te puede interesar