O filólogo criticou 'a cínica mentira' de que o castelán precisa de protección en Galicia

Lorenzo recibe o Trasalba instando á 'loita pola lingua'

Lorenzo recibe o premio de Méndez Ferrín. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Ramón Lorenzo, o 'gran filólogo que fixo do galego o seu obxecto de estudio' e no que aínda 'aniña o meniño da aldea', segundo o definiu a académica Rosario Álvarez, recibiu onte o Premio Trasalba no tradicional acto anual co que a Fundación Otero Pedrayo recompensa o labor cultural e galeguista. O homenaxeado (Eirapedriña, Ames, 1935) lembrou ó recibir esta distinción varias das cartas que mantivo con don Ramón, co que compartiu tertulias no café Español e unha boa amizade, e rematou preguntándose 'que diría hoxe vendo o acoso e derribo que está sufrindo a lingua'.
Diante de representantes da Xunta, como o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, Lorenzo fixo unha fonda crítica da política lingüística baseada 'na cínica mentira' dun bilingüismo no que 'os defensores do castelán din que hai que protexelo da imposición do galego, cando a lingua que precisa protección é o galego'. Ante esta situación, na que lembrou os intentos de introducir o castelán na TVG, 'sen pedir o bilingüismo noutras televisións, radios e emisoras locais' e mesmo a escasa presencia da lingua nos xornais e o retroceso da mesma no sistema educativo, Lorenzo pediu 'unha revolución, xa que sen loita non se consegue nada'. Unha loita que, dixo, debe ser 'pola terra e pola lingua', confiando na 'reacción da xente nova, igual que don Ramón confiaba en nós'.

O discurso do homenaxeado foi respondido cunha grande ovación dos asistentes, nun acto que estivo marcado polas intervencións de Víctor Freixanes, presidente da Fundación Otero Pedrayo, de Rosario Álvarez, encargada de detallar os numerosos méritos do premiado, e o presidente da Real Academia da Lingua, Xosé Luis Méndez Ferrín. Namentras, Patricia Arias presentou o roteiro 'Trasalba Terra literaria', unha guía que servirá para que os visitantes do pazo coñezan a influencia de Trasalba e as súas paisaxes na obra de Otero Pedrayo. O libro poderá adquirirse no propio pazo por seis euros 'para axudar á casa', segundo sinalou Víctor Freixanes. Xunto a el editouse tamén un material didáctico (5.000 exemplares) para distribuir gratuitamente entre os centros educativos de Secundaria e Bacharelato que visiten ó pazo, axudándolles así a descubrir a obra de Ramón Otero Pedrayo.

Te puede interesar