ENTREVISTA

Luis González: “Agora a xente escribe con faltas, e non sabe artellar ben un discurso"

tosar
photo_camera O poeta ourensán Luis González Tosar.

 O escritor e poeta ourensán foi designado a pasada semana, por unanimidade, membro correspondente da Academia Arxentina das Letras

 O escritor e poeta ourensán Luis González Tosar, con numerosos premios literarios acadados, foi designado a pasada semana, por unanimidade, membro correspondente da Academia Arxentina das Letras, en representación de Galicia. O seu nomeamento foi proposto polo filólogo José Luis Moure, o escritor Antonio Requeni e o poeta Rafael Oteriño. Luis González Tosar é fillo da emigración, nacendo en Bos Aires, onde residiu ata vir a Galicia cando tiña 17 anos.

Que significa este nomeamento feito dende Arxentina?
Eu teño unha grande implicación ao longo da miña vida con Bos Aires, onde residín ata os 17 anos, así que a miña estadía no país non foi algo anecdótico. Por iso, sen dúbida, este nomeamento foi algo moi importante para mín e tamén algo moi inesperado. Cando me falaron de propoñerme quedei moi contento e conmovido, porque non o esperaba.

Vai cambiar a súa vida?
Non, non vai cambiar para nada, porque eu son académico correspondente e residente no exterior. Polo tanto vou seguir vivindo aquí e seguirei tan vinculado como estaba, aínda que quizais con máis responsabilidade. Tratarei ,dentro da Academia, de representar a Galicia, para iso son o seu representante. Iso para min é unha honra.

Como galego-arxentino ou arxentino-galego, síntese mellor tratado nun lugar ca noutro?
Eu teño a cidadanía arxentina, pero escollín daquela, cando a miña familia se trasladou aquí, ser galego, e sigo sendo galego por elección, non por nacemento. Estou moi satisfeito do que levo feito pola literatura e cultura de Galicia, porque son un escritor en galego, e esa circunstancia non vai cambiar agora.

Vostede puxo en marcha a Insúa dos Poetas, como xurdiu a idea?
Hai cousa de sete ou oito anos ocurreuseme, nunha finca que ten que ver coa condición de emigrante dos meus pais que a compraron ao voltar de Arxentina e que se chama Insúa, e coa colaboración de moitos amigos e amigas, escritores, editores, artistas plásticos, toda a xente da cultura, levar a cabo o proxecto de ter un lugar no que a literatura dialogue coa natureza e coas artes plásticas. Un espazo onde se celebran ao longo do ano unhas actividades encamiñadas a unha maior potenciación e proxección de certos escritores, e abertas ao público para que sirva ás xeracións máis novas de referencia, onde aprender do pasado, construir no presente, e proxectarse no futuro.

Valórase nos currículos escolares a literatura ou corre o risco de desaparecer?
Efectivamente, creo que no ensino a literatura, a lingua, que son coñecementos que van máis alá do que é unha asignatura obligatoria, poden desaparecer. Son materias de formación do individuo, non deben ser concebidas para aprobar un exame. Hai unha carencia terrible de palabras, non é que todo o mundo teña que ser orador, pero si debe haber un fundamento onde a lingua e a literatura sexan pedras fundamentais. A xente escribe con faltas e non teñen expresión, non sabe artellar un discurso e no futuro van ter serias dificultades de comunicación.

Poderá haber un mundo sen literatura?
Nunca, xa que a literatura son os soños da xente, poden ser fermosos ou pesadelos, pero se non quedan por escrito, pasan. 

Que sucede coa poesía?
Está moito peor. A poesía sempre foi minoritaria. A novela tena arrinconada, e a xente prefire ler mellor unha novela ca un libro de poemas, co argumento máis corrente de que non se entende, pero é falso. A poesía é para calquera ser humán, porque necesita os seus valores. Un é máis libre.

Quen lle fixo soñar a vostede?
Aínda que pareza estraño, os meus primeiros poetas foron da poesía gauchesca, con Martín Fierro, e José Hernández. Unha poesía sinxela, pero cun espíritu reivindicativo.

Pensa que algúns autores galegos terían maior proxección internacional de ter nacido noutro país?
Sen lugar a dúbidas. Hai circunstancias que condicionan o éxito, que non teñen que ver soamente coa calidade literaria. Se eses contextos non funcionan, o escritor queda limitado, reducido. Aí está a clave da resistencia. Hai autores ourensáns, dende a Xeración Nós ata posteriores, como Antón Tovar, Méndez Ferrín ou Eduardo Blanco Amor, que si escribiran en inglés, alemán ou francés, terían maior trascendencia, e no caso de Blanco Amor estaría noutros sistemas moito más presente.

Que sonos lle quedan por cumprir?
Hai moitos, hai que soñar e hai que vivir e hai que estar por riba das circunstancias por moi adversas que sexan. Considérome un loitador, por ese empeño que tiven sempre e que sigo conservando en avanzar. Galicia ten moitas posibilidades, as institucións teñen que estar máis abertas e ten que haber máis participación da xente nova, o futuro é a mocidade. Temos escritores e escritoras magníficos, unha formación que non había nos 60. O que falla é a vontade política.

Te puede interesar