A Mesa pola Normalización chama a mobilizarse o 17 de maio

A Mesa pola Normalización Lingüística celebrou onte en Ourense a súa Asamble Xeral. Nesta reunión, ademais de analizar o orzamento e as liñas xerais das actividades para os próximos meses, prestóuselle especial atención á convocatoria de mobilización para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, en defensa da lingua. Este acto terá lugar ás 12,00 horas na Alameda de Santiago de Compostela.
Para que 'todo o que sinta amor polo galego, independentemente da lingua que empregue no seu día a días, poida acudir a cita, poránse autobuses dende as diferentes comarcas de Galiza', apuntou o presidente da asociación, Carlos Callón.

Sinalou tamén a importancia de reaccionar fronte 'ás políticas contra o galego que está pondo en marcha a Xunta de Galicia'. Critica o gasto de 'cinco millóns de euros en reducir o galego na educación', repartidos en accións como a transformación das rede Galescola en Galiña Azul ou nas enquisas sobre o peso do galego nos programas educativos, segundo enumerou Callón.

Nesta xuntanza tamén se aprobou por unanimidade a nova Comisión Permanente, órgano executivo da Mesa pola Normalización. Carlos Callón, actual presidente, continuará neste cargo, e Iria Taibo permanecerá como secretaria xeral.

Incorpóranse a esta directiva Susana Méndez, no posto de vicepresidenta primeira, e Carlos Outeiro, como vicepresidente segundo. A Comisión Permanente complétase con Paulo Filgueiras no cargo de coordinador de zonas. Callón considera esta decisión unha unión de continuidade e renovación.

Te puede interesar