CULTURA

Música en vivo todos os xoves pola noite na Praza de San Martiño

O Verán Cultural proposto polo Concello de Ourense comenza co concerto de Píscore, o 13 de xullo

O Concello de Ourense presentará a súa programación para as noites de verán. Dez concertos para outros tantos xoves, ao abeiro do programa Cultura no Camiño da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), que encherán a praza de San Martiño “de moita música e dunha posta en escena moi próximas”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Na rolda de prensa estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quen salientou o traballo do seu departamento apra “conciliar o ciclo festivo con outras actividades e festivais”; polo director da AGADIC, Jacobo Sutil, que lembraba que os programas culturais chegarán este ano a 98 concellos de toda Galicia; e pola xefa territorial de Cultura, Luz Quintas.

O Verán Cultural que propón o Concello de Ourense terá lugar todos os xoves a partir das 22:20 horas na praza de San Martiño con asistencia libre e de balde. A primeira cita será co Concerto singular de Píscore, “compañía á que xa tivemos ocasión de ver no Auditorio con grande éxito” en palabras do rexedor, este xoves 13 de xullo.

A partir de entón irán desfilando artistas coma a coruñesa Silvia Penide, cunha dilatada traxectoria discográfica ás súas espaldas malia a súa xuventude, e Xardín Desordenado, no mes de xullo. Xa no mes de agosto, 5 xoves:Lulavai; Uxía e Sérgio Tannus descubrindo novos recunchos da lusofonía; os limiáns Habitación Vudú, os divertidísimos Chupadeskay e, para o seu contrapunto, Pimentel Trío, “unha delicia en clave de flamenco e jazz”, recomendaba Vázquez Abad. O mes de setembro deixará as propostas de Áureas, coa representación de En Voga, e Abelardo y los Farfanes.

As datas:

EN XULLO

  • 13 de xullo, Píscore.
  • 20 de xullo, Silvia Penide
  • 27 de xullo, Xardín Desordenado

EN AGOSTO

  • 3 de agosto, Lulavai
  • 10 de agosto, Uxía e Sérgio Tannus
  • 17 de agosto, Habitación Vudú
  • 24 de agosto, Chupadeskay
  • 31 de agosto, Pimentel Trío

EN SETEMBRO

  • 7 de setembro, Áureas
  • 14 de setembro, Abelardo y Los Farfanes

Te puede interesar