A XXVII edición do certame deu comezo nos xardíns do bispo Cesáreo coa presencia de 13 postos

Neira Vilas ensalza ós autores ourensáns na Feira do Libro

O ambiente na Feira do Libro estivo máis animado pola tarde, con numerosos visitantes. (Foto: Xesús Fariñas)
Aínda que xa durante todo o día permaneceron abertas, as casetas da Feira do Libro quedaron oficialmente inauguradas polo escritor Xosé Neira Vilas, encargado de ler un pregón no que ensalzou o labor dos escritores ourensáns, tanto os que exerceron a literatura dende Ourense coma os que o fixeron dende a emigración.
Foi deste xeito que recordou nomes coma os de Eduardo Blanco Amor e a súa omnipresente Auria. O autor de 'Memorias dun neno labrego', lembrou a estadía de moitos ourensáns no estranxeiro e de moitos nenos que recibiron 'clases no idioma galego'.

O escritor, natural de Vila de Cruces, puntualizou que 'Galicia enteira está en débeda' con Lamas Carvajal, Vicente Risco, López Cuevillas ou Xocas. Por outra banda, Neira Vilas incidiu en que, 'a pesar de ferramentas coma internet, o libro segue sendo un vehículo ineludible de cultura'.

Os grandes escritores ourensáns foron mencionados tamén polo director xeral do Libro da Xunta, Francisco López. Da súa etapa como xornalista, afirmou ter sempre presente a súa primeira entrevista, que lle fixo a Ramón Otero Pedrayo. Na inauguración tomaron tamén a palabra o alcalde en funcións, Francisco Rodríguez, e a presidenta dos libreiros ourensáns, Pilar Rodríguez. Representantes do Concello completaron a corporación institucional xunto ó presidente da Deputación, José Luis Baltar e o artista gráfico, Xosé Lois González, O Carrabouxo. Quen finalmente non puido asistir foi a Banda de Música, que tivo problemas co autobús nunha viaxe a Vigo.

Expectativas semellantes

A Feira do Libro deste ano quedou, deste xeito, inaugurada para acoller, ademais das vendas editoriais, presentacións e actividades lúdicas para os máis pequenos. As expectativas dos libreiros para esta edición son semellantes ás anteriores, sobre todo, de cara á fin de semana, aínda que algún lamenta unha lixeira perda económica dende que o certame se trasladou da rúa do Paseo ós xardíns do bispo Cesáreo, onde está hoxe.

De entre a oferta dos 13 postos presentes, moitos deles especializados en xéneros concretos, a literatura infantil álzase como protagonista. Os libreiros sosteñen que é o xénero máis vendido. Os personaxes que doblan entre literatura e televisión, son, dentro del, os máis solicitados. Dora, la Exploradora ou Bob Esponja son algúns exemplos.

Fuxindo da animación, os libros para os máis novos tamén entenden de modas. Así, se en edicións anteriores Kika Superbruja figuraba entre os máis vendidos, a aprendiz de meiga estalle deixando paso a outras sagas como as de Jerónimo Stilton ou Molly Moon. Stands coma o da librería Zampacontos ofrecen exemplares dos chamados comerciais, pero, fieis ó seu estilo, a maior parte da súa oferta é menos demandada. Entre elas sobresaen os títulos das editoriais Kalandraka ou OQO.

Os adultos non permanecen alleos ás modas. Para eles, autores como Ken Follet ou Isabel Allende son imprescindibles nas feiras literarias. A novela é un éxito seguro de vendas cada ano. Nesta ocasión e pola proximidade do nomeamento como Nobel de Literatura, Vargas Llosa é un dos máis presentes, pero non menos o son nomes coma os de Julia Navarro e o romántico Federico Moccia.

Te puede interesar