Xunto con Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Cuevillas, Arturo Noguerol foi outro deses galeguistas ourensáns que deixaron ata a vida na loita pola terra. Dende onte, a cidade conta cun símbolo que o lembrará cada día.

Noguerol na lembranza

Pedro Noguerol destapou a placa en recoñecemento a seu pai, Arturo Noguerol Buján (Foto: MARTIÑO PINAL)
O galeguista e intelectual ourensán Arturo Noguerol Buján foi quen de reunir onte a autoridades políticas, a familiares e a compañeiros ao carón da súa figura, máis de sete décadas despois do seu asasinato. No número 12 da rúa Padre Feijóo, o seu fillo, Pedro Noguerol, e o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, descubriron unha placa que lle rinde sentida homenaxe alí onde estivo o seu despacho de avogado.
Todos os asistentes coincidiron na necesidade de actos que lembrasen a este persoeiro, represaliado e asasinado no 1936, acusado de difundir propaganda subversiva. No sentir xeral atopábase o desexo de recoñecerlle o seu peso na loita polo galeguismo. Por iso, querendo facer uso da lingua propia de Galicia e a que sempre defendeu seu pai, Pedro Noguerol, destacou o carácter 'emprendedor de seu pai' e agradeceu fondamente estes actos.

Xa pediran estes recoñecementos os seus compañeiros do cenáculo ourensán, porque aínda que menos referenciado ca algúns dos seus coetáneos, Arturo Noguerol formou parte das Irmandades da Fala, dando orixe á Xeración Nós, e publicou en La Centuria e en Nós.

O alcalde, Francisco Rodríguez, pola súa banda, lembroulles aos presentes que 'o pobo que esquece o pasado non ten futuro'. Outras autoridades quixeron estar tamén presentes, como o presidente en funcións da Deputación, Rosendo Fernández; a concelleira de Urbansmo, Áurea Soto; ou a responsable de Cultura, Isabel Pérez.

O acto trasladouse ata o Centro Cultural da Deputación, onde Fernando Román presentou o seu libro 'Ética e estética de Arturo Noguerol Buján', arroupado de novo polo alcalde, por Xaquín Monteagudo, da Irmandade Xurídica Galega; por Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, e por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, ademais dun amplo público.

Te puede interesar