ELECCIONES PSOE

Villarino: "Non estou como aposta de Caballero, quero un novo modelo de partido"

photo_camera Rodríguez, na praza de Saco e Arce.

O alcalde de Amoeiro e precandidato a liderar o PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, cítanos na praza de Saco e Arce, recordando o pai da primeira gramática galega e a estatua que acolle, de Obdulia, unha ourensá que apadrinou a 200 nenos de mulleres que exercían a prostitución. "Os símbolos son moi importantes", destaca.

O alcalde de Amoeiro e precandidato a liderar o PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, cítanos na praza de Saco e Arce, recordando o pai da primeira gramática galega e a estatua que acolle, de Obdulia, unha ourensá que apadrinou a 200 nenos de mulleres que exercían a prostitución. "Os símbolos son moi importantes", destaca.

Entendo que fala de aprender do pasado. E extrapolable ó PSOE?

Non é tanto aprender, senón sacar o mellor, o que é máis valoroso para impulsar e motivar á xente.

Que papel quere xogar?

Non é o papel meu, senón o dunha candidatura plural, a única integradora que se presenta, dando cabida a xente que apoiou a Villoslada, Leiceaga, Caballero, Susana Díaz ou Pedro Sánchez. É dicir, hai unha pluralidade de voces, é unha candidatura coral, a única que ten esa condición e aspiramos a que máis se aglutinen.

Non é un follón meterse nisto?

Quen se mete é por dúas cousas, porque lle quere moito ó partido e por responsabilidade.

Por que responsabilidade?

Porque o partido está tocando fondo, ten esquecidos a moitos militantes, carece de proxecto, non lle presta atención á mocidade. Precisa moitas cousas e adaptarse ós novos tempos, é necesario facelo sen máis demora.

Foi unha decisión propia ou empuxárono?

Estas decisións teñen que ser sempre propias, pero era preciso contar coa conformidade do secretario xeral, que me nomeou responsable da secretaría de formación, pero eu quería encamiñar os meus pasos cara un novo modelo, de rexeneración, do partido en Ourense.

É a aposta de Caballero, entendo.

Non, non. Teño a súa conformidade. Como non lle vou dicir ó meu secretario xeral que teño que renunciar á executiva galega? Non podo presentarme sen dicirlle nada.

É o único alcalde que loita polo poder. Non será demasiada tarefa?

Será complicado, porque esixe unha dedicación extra, pero en caso de gañar, haberá delegación, responsabilidades compartidas, crearanse estruturas comarcais. Isto só funciona se hai moita xente implicada, unha única persoa non vai sacar ó PSdeG dos problemas actuais. Aspiramos a facer un modelo de abaixo a arriba.

Parte co lema “Atrévete a cambiar". Por que?

Hai un estancamento, unha especie de conformismo, necesitamos xente que desafíe as situacións actuais. Para que alguén se sinta implicado, ten que ter un proxecto á vista, algo que ata agora non existe. É sinxelo que moita xente se volva implicar no PSdeG, pero temos que darlle voz.

Chegou ó Concello de Amoeiro cun PSOE que tiña un concelleiro e catro anos despois estaba na Alcaldía. É un exemplo?

Cando nos presentamos tiñamos un 13% do voto e agora estamos no 53%, foi algo emocionante, cun grupo de persoas que críamos nun proxecto. Lémbrome das bágoas da xente cando se soubo o resultado para cambiar o goberno despois de décadas.

Foino a buscar Pachi Vázquez á súa casa, como dixo neste xornal?

Seguro que a memoria lle xogou unha mala pasada. Eu presenteime, falei con persoas vinculadas a el, pero foi unha aposta persoal que se viu respaldada. Tivese sido unha honra, pero non foi así.

Entorpeceu os seus plans a candidatura de Pachi Vázquez?

Sorprendeume, é algo inesperado. Pachi Vázquez representou moito, loitou para cambiar a provincia pero eran outras épocas e as solucións agora non son as mesmas, a sociedade cambiou. Seguro que se presenta coa mellor das intencións, hai que ser valente para facer algo así, pero as receitas non teñen que ver.

Ve os catro aspirantes chegando ata o final. Fálase dun posible acordo entre a súa candidatura e de Álvaro Vila, a terceira vía?

É certo que hai candidaturas coas que parece máis natural converxer. Creo que non é nada errado dicir que a terceira vía e nós estamos positivamente dirixidos cara un acordo. Moita xente non entendería que non se producise. Eu dígoo abertamente, somos unha candidatura aberta e plural, moita xente pode ter cabida pero se o ceñimos a grupos, non tería ningunha dúbida en que a terceira vía podería ser un compañeiro ideal.

Coas outras dúas é imposible?

É que representan cousas que son máis difíciles de aunar nun proxecto común. Nós a integración predicámola e cumprímola, non somos monolíticos, nas demais non pasa. A terceira vía é o noso aliado natural, pero queremos contar con todos, para lograr ante todo un partido de persoas libres, que non teñan que pagar peaxe e pedir permiso para nada.

O PP é o inimigo?

A nivel ourensán, o PP basicamente é un estorbo, cun estilo case feudal que ten que ver coa inacción dos demais. Cun proxecto serio enfrente, o PP desaparecerá do mapa. 

Te puede interesar