POLÍTICA - PSOE

Leiceaga: "O noso gran reto ten que ser presidir a Deputación"

<p></p>
photo_camera Fernández Leiceaga, onte na sede provincial socialista.(BELAY)

Xoaquín Fernández Leiceaga é o actual portavoz parlamentario do PSdeG no Parlamento autonómico e un dos candidatos ás primarias de outubro. Onte estivo na sede provincial socialista para presentar o seu proxecto

Que pode aportar esta candidatura?

É un proxecto que ten unha vontade de integrar, de unidade. Iso ten unha importancia especial en Ourense. Trátase de pasar páxina, mirar cara ao futuro e seleccionar os cadros segundo as capacidades e non en función do pasado. Hai que resolver os conflitos internos e non alimentalos, e pór en marcha outra vez o partido, levamos demasiado tempo en interinidade.

E que propón para activar “outra vez" o PSdeG?

Temos que activar os mecanismos que existen. Precisamos unha liña política clara. Hai que ter comités nacionais cada tres meses e organizar conferencias políticas para construír unha postura común de cara aos cidadáns. Levamos moito tempo elixindo persoas, pero hai que comezar a elixir políticas.

Temos que coidarnos máis uns aos outros e prestar atención especial a pequenos concellos, onde ás veces os cargos están demasiado sos.

Quen é Caballero? E Villoslada?

Gonzalo é unha persoa coñecida, un clásico como aspirante nos procesos orgánicos. Juan é un digno parlamentario que aterrizou recentemente na vida política.

Cal é o gran reto?

O noso gran reto serán as eleccións municipais pero, no caso de Ourense, creo que temos que ser ambiciosos e plantexarnos derrotar ao PP e ter a presidencia da Deputación provincial, que está ao alcance movendo dous deputados, un na cidade e outro nalgunha comarca.

Gañoulle a Méndez Romeu como candidato aberto a pactos. Continúa igual?

Hai que construír unha alternativa ao PP, e para iso está claro que necesitamos contar con outras forzas, pero é unha condición indispensable que o PSdeG sexa claramente a referencia na esquerda en Galicia. Abertura a pactos, si, pero con defensa clara dos nosos postulados, sen complexos. Non somos menos progresistas que ninguén.

En Ourense pode funcionar o discruso da unidade?

Pirmeiro de todo, temos que querer. Cando elixamos as direccións provinciais témolo que facer cunha idea de unidade e transversalidade, respectando todas as sensibilidades. Hai que escoller aos máis capaces da povincia, sen exclusións nin bandos. Hai que xerar unha dinámica de suma ao proxecto para resolver eses temas en Ourense.

Axuda ser o portavoz?

Ás veces a exposición pública é un risco, tal e como está a vida política. Pero para reforzar o liderado orgánico é necesario ter unha presenza social, e penso que podo aportar iso. É un factor positivo.

Non pode ser mellor ter un candidato sen exposición pública?

Creo que o PSdeG non está para experimentos. Somos un partido de gran complexidade nos territorios e é bo coñecelo por dentro e saber como manexarse. Non estamos para elixir a quen non ten o seu proxecto.

Se algún non chega aos avais, haberá fusión de candidaturas?

Esta esixencia de un 10% de avais é excesiva e non debería repetirse. Obriga a un esforzo da militancia que non é bo, pero aínda así, penso que todos imos pasar o corte.

Pero desde o sector de Caballero hai quen apunta a que vostede non chegue o mínimo e lle dea o apopio...

Eu aspiro a chegar ao final e ser o secretario xeral, pero podo facer un esforzo en favor da unidade do partido e integrar aos outros candidatos. Non vai ser así esa unión, chegarei aos avais con solvencia.

Hai quen di que Villoslada é o candidato da xestora, Caballero di que é o candidato da base, e vostede de quen é o candidato?

Quero ser o candidato de todo o partido, porque todos somos militantes neste proceso. Ninguén se pode arrogar de antemán a posición de candidato da base. Teño claro que non parto co favor das persoas que dirixiron o partido nos últimos tempos, pero iso non é o importante. Teño un proxecto autónomo e sen tutelas, e non hai ninguén detrás de min que non poida mostrarse ao público.

Ten o seu equipo decidido?

Hai que ter un equipo compensado territorialmente e que incorpore a nova fornada de alcaldes e concelleiros de pequenos e medianos municipios que están fóra da dirección, son o máis importante do partido.

E cos que apoiaron a Susana Díaz, que vai pasar?

Quero dirixirme a todo o partido. Todos somos de Pedro Sánchez, porque é o noso secretario xeral, pero non lle pregunto a ninguén a quen votou, senón o que están dispostos a facer.

Deixará a portavocía se non gaña?

É unha decisión que lle corresponde á Executiva, pero estaría disposto a colaborar co proxecto. 

Te puede interesar