Luisa Pérez: “Olimpia Valencia abriu a medicina para a muller”

Luisa Pérez, cardióloga do Hospital da Coruña.
photo_camera Luisa Pérez, cardióloga do Hospital da Coruña.
A Deputación premia á cardióloga Luisa Pérez polo seu labor sanitario

A Deputación de Ourense acaba de concederlle á cardióloga ourensá Luisa Pérez (Cartelle, 1953) o Premio Olimpia Valencia. O presidente provincial, Manuel Baltar, foi o encargado de notificarllo á coordinadora da unidade de arritmias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). “É unha honra moi importante contar co respaldo da figura de Olimpia Valencia e ser a primeira premiada con este recoñecemento”, destaca Pérez.

A deputada de Igualdade, Luz Doporto, presidiu o xurado da primeira edición do Premio Olimpia Valencia que escolleu a Pérez como a galardoada pola súa traxectoria profesional como cardióloga e investigadora. “Síntome agasallada porque este recoñecemento acércame máis a unha persoa que fixo moito pola muller na medicina e abriu a facultade para nós”, afirma. No ámbito da saúde contouse coa aportación da presidenta do Colexio de Enfermería, Ascensión Sampayo, como secretaria. Marisol Nóvoa, da Ceo; Beatriz Gómez, da Federación de Comercio; María Esther de Blas, da Universidade de Vigo; Eva Torres, do Museo Municipal de Ourense; e Felipe Ferreiro, da Cruz Vermella, acompañaron como vogais na toma desta decisión.

Pérez califica todos os seus anos de traballo como “discretos”, pero realmente conta con moito ás súas costas. Licenciouse na Universidade Autónoma de Barcelona e especializouse en Cardioloxía e Electrofisioloxía Cardíaca diagnóstica e Terapéutica. Neste eido recoñécese como unha das “pioneiras” en canto a mulleres formadas en Galicia, o que conseguiu grazas a outros exemplos como o de Olimpia Valencia (Baltar, 1898), quen foi a primeira en licenciarse en Medicina de Galicia. “Este galardón achégame á figura de Olimpia”, afirma.

A cardióloga tamén conta co recoñecemento de sociedades científicas nacionais e internacionais. É autora de máis de 40 artigos en revistas especializadas e de máis dunha vintena de capítulos de libros e monografías. No seu compromiso coas novas xeracións médicas, colabora co Ministerio de Sanidade e a Universidade de Santiago (USC) na formación de especialistas en Cardioloxía.

Leva 25 anos á fronte da unidade de arritmias do CHUAC, dende que se creou, e non escapou dos efectos da pandemia. “Estivemos na retaguarda, pero quedou en evidencia o que da o persoal sanitario, un plus que está por enriba de todo”, comenta. A entrega destes profesionais dende a chegada da covid, sendo de primeira liña ou non, é incuestionable para a especialista. Cada un aportou o mellor de si mesmo co obxectivo de salvar o maior número de vidas. O seu eido de traballo non freou a actividade, porque as afeccións cardiacas “non teñen espera”.

EXEMPLO PARA OS MÁIS NOVOS

Este premio pon en valor a traxectoria de profesionais como Pérez, pero tamén é un recordo do legado que deixou Olimpia Valencia.  As novas xeracións de médicos galegos, especialmente entre as mulleres, gozan hoxe dunhas ferramentas nas que tamén intercedeu esta pioneira. De feito, a biblioteca da facultade na USC leva o seu nome. “A súa figura debe ter o recoñecemento que se merece na historia. É un modelo de vida e coherencia”, finaliza.

Te puede interesar