Un equipo internacional con pegada ourensá avanza no estudo do impacto do cambio climático nas capas altas da atmosfera. O grupo está liderado polo físico Juan Antonio Añel, profesor da Universidade de Vigo, e nel participan docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense. Cooperan man a man con institucións do calibre da Universidade de Oxford, a NASA ou o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts.
O proxecto está financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (ISSI, polas súas siglas en inglés) e investiga os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo celebrou durante esta semana a súa segunda xuntanza na sede do ISSI (en Berna, Suíza) para avaliar os avances.
Ademais de expor os progresos efectuados, Añel explica que nesta segunda xuntanza “temos empezado a discutir” os impactos que pode ter a reentrada dos satélites no medio ambiente “debido aos compoñentes químicos que se liberan cando se queiman na atmosfera”.