ELECCIONS CATALANAS 12M

Silvio Falcón, analista ourensán en Cataluña: "A figura de Puigdemont é un pouco controvertida"

Silvio Falcón, analista político ourensán.
photo_camera Silvio Falcón, analista político ourensán.
Silvio Falcón, analista político ourensán en Cataluña, valora os frentes abertos que deixan as elección catalanas

Silvio Falcón Rodríguez (Esplugues de Llobregat, 1989) é un ourensán que, pese a nacer en territorio catalán, sinte que o seu lugar de nacemento é meramente "circunstancial". Actualmente voltou a residir a Cataluña, logo de vivir 12 anos en Ourense, e é funcionario de carreira do órgano de administración xeral da Generalitat de Catalunya.

Ademais, Silvio é licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universitat de Barcelona e destaca coma analista político. Logo das pasadas eleccións catalanas, este ourensán valora cómo queda o panorama político na terra que o acolle.

Como valoras a vitoria do PSC este 12M e o cambio no taboleiro político?

A victoria do PSC foi inapelable, bastante contundente, cun resultado claro, un escenario a que non nos ten acostumados a política catalana nas últimas décadas. Temos que remontarnos a 2012 para atopar un resultado de primeira forza deste partido. O partido socialista conseguiu artellar unha maioría en base ao seu electorado tradicional en Cataluña -a área metropolitana de Barcelona-, e tamén con elementos que proviñan do electorado de Ciudadanos.

Como se interpreta a menor mobilización dos nacionalistas e independentistas?

A vitoria dos socialistas débese a que o electorado independentista foi á abstención. Isto é un síntoma de certo esgotamento dos anos do procés catalán. Iso non quita que a xestión da Generalitat ao cargo de ERC seguramente xogou un certo desgaste nesa opcion política que recolleu Puigdemont que, como gran figura dese espazo que se disputan ERC e Junts, capitalizou un resultado moi semellate ao que viña sacando nas anteriores eleccións de 2021 e de 2017.

O que entendemos os galegos e os ourensáns que vivimos en Cataluña é que eses recortes son negativos en canto aos nosos intereses, e aínda que goberne o PSC ou ERC, non se deben repetir

Que supón a presenza de Puigdemont no novo ciclo político e o seu anuncio de presentarse á investidura?

A figura de Puigdemont é un pouco controvertida porque primeiro deberá resolverse a súa situación procesal. A lei de amnsitía aprobarase inminentemente no Congreso dos Deputados e, posteriormente, haberá que ver que pasa neses dous meses previstos para a súa entrada en vigor.

Neste momento presentarse a unha investidura non depende del, porque non é o candidato máis votado nin ten os apoios suficientes. Polo tanto, forma parte do tacticismo político co que Puigdemont aspira a artellar unha maioría con ERC, coa CUP e aínda así buscando a abstención do PSC. Veremos en que acaba ese intento

Como valora o movemento de Pere Aragonès de retirarse da primeira liña da política?

En tempos nos que os políticos que sacan malos resultados nas eleccións non acostuman a dimitir ou a abandoar as súas responsabilidades, hai que destacar a importancia e a altura dunha decisión como a que tomou Aragonès, que en vez de intentar continuar, quedará como unha figura institucional moi relevante no universo e ERC.

Será o único presidente vivo de este partido, e a continuación do seu liderado cabe esperar que pasen dúas cousas: unha, que Junqueras poida ter o seu propio momento despois da lei de amnsitía, pois sería o razonable que Junqueras poda ser candidato nas próximas eleccións. E segunda, que tamén podería pasar en paralelo, é que xurdan novos liderados.

Xa está sobre a mesa a posibilidade de que Roger Torrent -expresident do Parlament catalán- poda dar un paso adiante. Haberá que ver o que podemos esperar de ERC.

Como se relacionará a nova composición de Goberno en Cataluña cos apoios a Pedro Sánchez no Congreso?

A relación de ERC e Junts con Pedro Sánchez seguramente a curto prazo será a mesma, a colaboración en proxectos da investidura como e a Lei de Amnstía seguirá vixente. Puigdemont terá a tentación de supeditar esa abstención do PSC a unha hipotética investidura súa.

Pero a min paréceme que o resultado de Junts non é suficientemente importante como para formular ese escenario. A vitoria do PSC foi suficientemente clara como para afastar esa diferencia, de 7 escanos.

Como pode cambiar o panorama en Cataluña con este novo goberno non independentista?

O panorama político en Cataluña a verdade é que non vai cambiar demasiado. Hai que pensar que o PSC é un dos partidos que tradicionalmente gobernou en Cataluña e desde fóra sempre se magnifica a idea de que os partidos independentista gobernan en Cataluña.

Agora un goberno que parece que pode estar liderado polo PSC, pero haberá que ver se é capaz de sumar os apoios suficientes. Esa é a gran clave, non esta claro que Illa poda sumar os apoios. Parte en ventaxa, pero non sei se será quen de conseguir unha maioria absoluta en primeira votación  ou unha maioria simple en segunda votación, que implicaría o voto favorable do PP e tamén a abstencion de VOX ou o concurso de ERC, que é bastante improbable agora mesmo.

En que pode afectar o novo escenario político aos ourensáns e galegos que viven en Cataluña ou que pensen emigrar a esta comunidade?

Para os ourensáns e galegos que vivimos en Cataluña non vai haber grandes cambios. Sen dúbida, o que máis afecta sobre todo ás comunidades migrantes é a política social, e os últimos anos si que vimos como se reverteron os recortes que impulsaran uns gobernos de Convergència a principios da década do 2010.

O que entendemos os galegos e os ourensáns que vivimos en Cataluña é que eses recortes son negativos en canto aos nosos intereses, e aínda que goberne o PSC ou ERC, non se deben repetir.

Afectaría ás comunidades migrantes que chegamos e incluso aos rapaces novos que veñan estudar aquí un máster ou ter un primeiro traballo. Ter esas axudas sociais, ese acompañamento por parte das asociacións catalanas, é fundamental.

Con respecto aos últimos resultados do nacionalismo nas autonómicas galegas, fai algún paralelismo, aínda sendo realidades diferentes?

É certo que en Galicia vimos como o BNG vén dunha situación histórica, dun resultado que tocou o seu pico histórico máis alto da man de Ana Pontón. Aquí parece que do outro lado o soberanismo de esquerdas de ERC e da CUP acaba de sufrir un importante revés.

Poderiamos dicir que en Cataluña a situación foi por diante, o soberanismo de esquerdas chegou a presidir a Generalitat e agora mesmo sufriu un desastre dunha década de procés e de xestión.

Esas dúas circunstancias non se dan en Galicia, que en calquera caso o desgaste da xestion deberíalle pasar factura ao PP e neste caso sí que representa unha certa ilusión de cambio e de alternativa que agora mesmo seguramente non representa ERC ou en liñas xeráis o independentismo catalán.

Que escoita aos ourensáns en Cataluña, que di querer a maioría?

Seguramente hai de todo. Eu penso que hai moita xente que seguramente é favorable á independencia, outra moita que é favorable ao dereito a decidir pero non é favorable ao proxecto os independentistas e seguramente tamén hai moita xente que se manifesta contra a independencia de Cataluña.

Este tema sempre xera moito debate e non penso que a orixe das persoas nunha comunidade como a galega e a ourensá en Cataluña, que leva moitos anos aquí, non creo que esta cuestión dependa da orixe, senón da ideoloxía de cada un.

Cal é o seu pronóstico para os próximos 4 anos, además de no político, no económico e no social?

Os vindeiros catro anos son difíciles de pronosticar, porque Cataluña ten un sistema político altamente fragmentado. Seguramente haberá que ver como se resolve a investidura para poder facer previsións. No económico,dicían en campaña que é a Cataluña dos récords: de inversión estranxeira, de xente traballando e outros indicadores. Parece que no económico a cousa tira, pero nunca se sabe.

En Europa xa nos estamos preparando para a vindeira crise. No económico e no social hai unha certa incertidume instado polas institucións europeas, e no político, como xa foi esta última lexislatura, Cataluña camiña cara unha estabilidade maior. Pero en Cataluña non hai nada se non hai pactos, só vai haber estabilidade politica se hai pactos sobre todo entre as tres principais forzas políticas, os socialistas, Junts e ERC, e iso seguramente tamén vai acompañar a un desenvolvemento económico e social maior.

Te puede interesar