Rodríguez Penín recoñece ‘friccións’ pero salienta que se fixou un sistema de contratación obxectivo

Persoal: a concellería da polémica

Antonio Rodríguez Penín, na rúa Progreso. (Foto: Xesús Fariñas)
A súa foi, quizais, a concellería máis polémica destes dous anos de bipartito municipal. A dimisión de dous directores xerais de Recursos Humanos e o seu propio relevo hai uns meses por unha concelleira non electa (Carmen Rodríguez) non lle deixou tan mal sabor de boca a Antonio Rodríguez Penín, agora encargado das áreas de Limpeza e Contratación.
Así o parece cando se lle escoita falar do balance da súa xestión. ‘Cando nós chegamos, non había un sistema de contratación obxectivo e cun mínimo de rigor, xa que non había bases de contratación nin para interinos nin para laborais’, lembra Penín, quen engade que ‘o primeiro que se fixeron foi as bases de laborais, logo de interinos e as persoas que se contrataron foi coa máxima legalidade’.

Penín salienta tamén a elaboración dun acordo regulador -recurrido xudicialmente por un sindicato-, ‘que está en vigor con todas as ferramentas legais, incluida a súa publicación (o anterior que se aplicaba non fóra publicado)’. Entre os aspectos negativos do seu paso por Persoal, Penín fala da ‘incomprensión, cada un dentro do seu papel xa que non me molesta a loita de determinados sindicatos contra a dirección de Persoal porque entendo que facían o seu papel. Como os intereses estaban contrapostos tiña que haber friccións e se eu quería facer algo no Concello tiña que habelas’.

Da dimisión dos directores xerais, o concelleiro explica que ‘en contra do que se di, eu con eles non tiven friccións, quizais tivemos na parte de funcionamento un criterio distinto. Non pensabamos igual no que eu quería facer, cos riscos que podía correr’. E eso que, engade, a situación non ‘me creou ningún problema persoal nin me preocupaba o desgaste político de todos os días estar na prensa, xa que cría que debía ser así’.

O ex concelleiro de Persoal considera que durante a súa xestión tamén ‘se mellorou a relación de postos de traballo, que é das mellores que hai en Galicia’ e que houbo ‘fortalecemento en distintas áreas’. Como tema que lle quedou pendente e que asumirá a súa sucesora está a informatización do Concello para facilitar os trámites ós cidadáns e optimizar o traballo dos funcionarios.

A CLAVE PERSOAL

De poder elixir, que concellería se pediría? De empezar mañá, houbera elixido outra vez persoal.

Vaille a movida, non? Si, gústame a actividade.

Que lle pide como cidadán á Administración cando fai calquera trámite? Aparte dunha atención normal, pido celeridade e claridade.

Cal é a súa afección? Os bailes latinos.

Gústalle ler? Estou lendo ‘Los Borgia’, de Cebrián, e tamén un relato curto dun amigo meu, que se chama ‘Historia de muerte, soledad y silencio’.

Unha canción? Ademais da música latina, gústame Sabina e os Dire Straits.

Viaxa? Non me gusta, prefiro estar cos amigos.

Unha virtude? A constancia.

Un vicio? Fumar e outros inconfesables (risas).

Vese como concelleiro no próximo mandato? Non o teño como mira nin como non. Non sei. Pola miña profesión xa podo estar xubilado e mirarei, xa que me gustaría facer o que nunca puiden.

Por exemplo? Aprender a tocar o saxofón.

Política ou policía? Política. Sempre estiven implicado en movementos político-sindicais, veciñais... En todos os fregados.

Mónica Mourelo: ‘Están contratando a diestro y siniestro’

A concelleira do PP, Mónica Mourelo, remóntase ó inicio do mandato para avaliar a xestión de Rodríguez Penín. Lembra que ‘cuando llegaron criticaron que había un exceso de personal, que sobraban funcionarios y ahora nos estamos encontrando con que están contratando a diestro y siniestro. Se inventaron un sistema de contratación en el que, lo que más se valora, es la entrevista personal, que vale tres puntos’. Critica, ademais, que ‘te convocan por teléfono. Una persona que no esté en casa o no coja el teléfono pierde la oportunidad de trabajar en el Concello’.

Das dimisións dos directores xerais, Mourelo salienta que ‘cuando gobernaba el PP también estábamos dentro de la Ley de grandes ciudades y no hacía falta un director general, era un sueldo que se estaba ahorrando el Ayuntamiento, es decir, todos’. Da concelleira non electa, Mourelo afirma que ‘no pongo en duda su capacidad pero para mí es lo mismo que Penín pero con otras maneras. Dudo mucho que le dejen llevar a cabo los retos que dice que tiene’. A concelleira ‘popular’ critica tamén que ‘lleven dos años sin convocar oferta pública de empleo. En los Bomberos hay nueve personas que se jubilaron o están a punto de hacerlo y en la Policía Local, igual’.

Mónica Mourelo lembra tamén que ‘el interventor dice que se introducen plazas de nueva creación sin que de forma correlativa se aporten los documentos acreditativos de respetar los principios de racionalidad, economía y eficiencia’. O exceso de persoal reflíctese, ó seu xuízo, en que ‘tienen que coger dinero del capítulo dos (gastos correntes) para pasarlo al uno (persoal)’.





Te puede interesar