Pontón porá fin a “décadas de discriminación” con Ourense

Iago Tabarés, Ana Pontón e Noa Presas, co resto da candidatura do BNG.
photo_camera Iago Tabarés, Ana Pontón e Noa Presas, co resto da candidatura do BNG.
A nacionalista creará especialidades de Xeriatría e Ictus no CHUO e Neumoloxía en Valdeorras 

A portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, presentou a candidatura dos nacionalistas por Ourense, unha “candidatura de excelencia” coa que, asegura, se os galegos lle dan a confianza acabará con “décadas de discriminación”. A lista está pensada para “os que viven en Ourense e queren seguir vivindo en Ourense”. A candidata dos nacionalistas mostrou o compromiso de poñer a provincia ourensá no “centro” das súas políticas e avanzou que nos cen primeiros días de mandato porá en marcha un “plan de rescate” da Atención Primaria de más de 200 millóns de euros. Tamén avanzou que garantirá un servizo pediátrico para todos e que creará as especialidades de Xeriatría e Ictus no CHUO, así como Neumoloxía en Valdeorras. 

Máis alá da sanidade, Pontón prometeu un plan para captar novas empresas e activar a economía e o emprego en Ourense, coa creación dunha Mesa pola Industria na provincia, así como a mellora das infraestruturas con novos enlaces da A-52 cos polígonos de San Cibrao e Pereiro, e a reactivación do polígono de Tamagos. Tamén situou no “centro” das súas políticas a vivenda e a consecución de máis vivendas de alugueiro, tras 15 anos “co PP cruzado de brazos”. 

 Pontón chamou a toda a sociedade que quere “cambio” a mobilizarse e encher as urnas o vindeiro 18 de febreiro para conseguir que Galicia teña “a primeira presidenta coas mans libres”, unha presidenta “que cumpra con Ourense” e poña en marcha o seu “inmenso potencial” para colocar a esta provincia “no lugar que lle corresponde dentro de Galiza”. 

Pola súa banda, a número un do BNG na provincia, Noa Presas, asegurou que Ourense será “a praza decisiva” para o cambio na Xunta, e chamou a concentrar o voto fronte a proxectos “importados” e “localismos estériles que só obedecen a intereses persoais”.

Te puede interesar