O PSOE de Ourense esixe reforzar os servizos de conciliación na cidade

Natalia González.
photo_camera Natalia González.
“Este verán foi un punto álxido no desmantelamento das actividades para os nenos e nenas pola desidia e falta de interese do Executivo de Pérez Jácome”, afirmou Natalia González, voceira dos socialistas no Concello de Ourense

O grupo municipal socialista esixe que se reforcen os programas e servizos municipais de conciliación xa existentes e que se amplíen para ofrecer solucións dende a Administración local ás familias que máis o precisan. “Este verán foi un punto álxido no desmantelamento das actividades para os nenos e nenas pola desidia e falta de interese do Executivo de Pérez Jácome”, afirmou Natalia González, voceira dos socialistas no Concello de Ourense. 

Por este motivo, instarán ao goberno da cidade a recuperar  a oferta de prazas e actividades, e engadir máis,  para a conciliación laboral e familiar na Rede de Centros Cívicos do Concello nos periodos non lectivos, mais tamén ao longo de todo o ano. 

Na moción que presentarán no pleno do vindeiro martes, reiteran desde o PSOE a “imperiosa necesidade” de que se reabra a ludoteca do barrio As Lagoas, “aumentando a asignación económica para a mesma, dotándoa do persoal de reforzo preciso e poñendo en marcha un novo proxecto de canguraxe”.

 “Queremos, por outra banda, que se poña en funcionamento dunha maneira eficaz, e sen o descontrol que houbo este ano, o programa Educocio para a apertura de centros escolares en horario non lectivo”, sinala a tamén secretaria xeral do PSOE na cidade. “E poñemos sobre a mesa que se elabore un pacto coa implicación de todos os grupos políticos pola conciliación laboral e familiar no Concello”, manifestou.

Te puede interesar