ARTE ET ALIA

Pulido na Ágora de Orcellón e os contos da avoa Pepa

A revista semestral Ágora do Orcellón do Carballiño pon ao artista Antón Pulido no centro, dedicándolle o número trinta e catro.

Contos da avoa Pepa. Texto Fernández Naval. Ilustracións Manolo Figueiras
Contos da avoa Pepa. Texto Fernández Naval. Ilustracións Manolo Figueiras
Pulido na Ágora de Orcellón e os contos da avoa Pepa

E para pechar o ano dúas alfaias dende a arte e os libros. A revista semestral Ágora do Orcellón do Carballiño pon ao artista Antón Pulido no centro, dedicándolle o número trinta e catro. E o novo libro de Francisco Xosé Fernández Naval ilustrado polo artista Manolo Figueiras, dous ourensáns. Foi aquela o Premio do Instituto de Estudios Carballineses; este foi presentado fai unhas datas nunha librería que abre as portas á rúa de Risco e Otero Pedrayo.  

O premio da homenaxe a Pulido é o volume monográfico no que participamos encantados unha manchea de colaboradores para agasallar ao artista pintor, gravador, deseñador e xestor cultural. Avelino Muleiro, director e alma máter do IEC, definiuno como “imaxinaria panóptica pinacoteca” construída por sesenta e catro corazóns e entendementos para afondarmos “no perfil e a personalidade en constante crecemento deste artista de mirada múltiple”. No abano de textos hai empresarios e políticos, sendo o corpus de estudos hai historiadores da arte e críticos, escritores, xornalistas e poetas, filólogos e lingüistas, arquitectos e artistas, algúns deles ex-alumni seus, tradutores e investigadores e tamén dos mundos da edición, filosofía, antropoloxía, música,... un elenco que expande o libro 'Cantiga de fonte limpa' realizado co gallo da concesión do premio Trasalba en 2015. E todo o libro coa luz e a cor dos seus cadros, dende as recentes Kermesses até os montes de Casaio. Un gran libro para Pulido que descubre a súa poliédrica personalidade profesional e humana, nacido da unión de varias xeracións dende a amizade.

Francisco Xosé Fernández Naval 

A casa que tiña a avoa materna de Fernández Naval estaba en Oira, a carón do Miño. O neno Chisco ía coa súa nai até o pequeno núcleo rural os domingos. Ela foi quen lle descubre ese outro mundo, tan distinto do da rúa Santo Domingo/esquina parque de san Lázaro, onde vivían. Lembranzas do río, os sábalos, e o barqueiro Amador que navegou por il até o mar, tempo anterior á presa de Velle. A adega que ule a viño, chourizos e xamón, as andoriñas, os xogos e o can Roi..., a fábula do lobo que fala coa raposa, e a lúa, testemuña da morte do pai. Os sucedidos do avó Bintil, e da avoa que xoga cos ditos e inventa o de 'É cuco como un listo', e os momentos finais, nos que xa lle  faltaba algo a memoria. Nas historias devala a tía gardabarreira do tren e as barqueiras Aurora e Alicia. Na súa acaída prosa musical desfilan a carballeira das Cubelas, a capela de Santo Amaro e o monte do Castro, sendo todo elo unha evocación da tradición oral e daquela paisaxe ourensá. É parte esencial no volume as coloristas composicións pictóricas de Manolo Figueiras quen, dende a capa, ilustra o universo do seu amigo, ás veces entre simbólicas liñas concéntricas, na do can e o gato e a da 'guerra entre irmáns', outras poéticas, como as do coro e os toxos, e a dos paxaros,  nun inxenuismo buscado. Estamos rodeados de metáforas, de mensaxes cifradas.