ENTREVISTA | POLÍTICA

"Se queremos falar cara a cara co PP, temos que estar unidos, xuntos"

ja_result
photo_camera Juan Díaz Villoslada, onte no acto en Carballeda de Avia. (BELAY)

Juan Díaz Villoslada estivo onte no Concello de Carballeda de Avia nun encontro cos militantes socialistas, a primeira das visitas que prevé realizar á provincia de Ourense para tratar de seducir ós afiliados.

O PSdeG lanzou hai unhas semanas as primarias para elixir o seu novo secretario xeral despois de case ano e medio liderado por unha xestora. Ata o momento, son tres os militantes que deron o paso para presentarse ás eleccións, Xaquín Fernández Leiceaga, Gonzalo Caballero y Juan Díaz Villoslada. Este último estivo onte no Concello de Carballeda de Avia nun encontro cos militantes, a primeira das visitas que prevé realizar á provincia de Ourense para tratar de seducir ós afiliados.

Por qué embarcarse nesta aventura?

Lévame, como veño dicindo nos encontros coa militancia, un compromiso político e social para unir ó PSOE en Galicia.

Non existe esa unión?

Creo que hai moita unión que levar adiante. Primeiro, porque levamos moito tempo nunha situación de provisionalidade cunha xestora, por iso temos que darlle estabilidade, conformar os órganos normais de traballo, apoiándonos tamén na nova etapa aberta a nivel federal pola victoria de Pedro Sánchez. Hai que tomar un novo impulso, abrir unha nova etapa no partido en Galicia, recollendo ese vento a favor, pero escribir tamén a nosa propia páxina.

Dende que se perdeu a Xunta en 2009, parece que o PSdeG só vai dando tumbos.

Creo que todos temos esa sensación, polas formas de perdela e as excesivas complicacións internas, debates orgánicos ou personalismos. Se miramos para atrás, temos dous grandes presidentes como Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Temos que volver coller ese impulso. Pero si que é certo que levamos un tempo de provisionalidade e de lío interno e non é o que a sociedade demanda. Se queremos falar cara a cara co PP, para desbancalo da Xunta, temos que estar unidos, moi xuntos.

Esa unión que busca parece que xa salta polos aires, cando os seus rivais critican o favoritismo que recibe por parte da xestora. Pode enturbiar o proceso?

Nestes procesos, cando se fala de distintos candidatos, búscase poñer etiquetas. Todos poderían ter as súas. O que si teño claro é que non tendo un pasado orgánico, xa que eu son un militante base, falar de etiquetas conmigo non é o máis acertado. Penso que podo abrir esa etapa nova, pero en todo caso hai que superar esa linguaxe, temos que construir novas formas de facer a política, reivindicar traballos e políticos de épocas anteriores moi sólidos. O outro só retroalimenta procesos internos que non levan nada adiante, sobre todo de cara á sociedade. O obxectivo fundamental debe ser mellorar a vida da xente, sobre todo despois dunha etapa de grande crise económica. Debemos superar moitas cousas do pasado, reivindicar outras ben feitas e mirar cara adiante.

Coinciden todos os candidatos nun perfil escorado á esquerda.

Si. Efectivamente. Pero ademais, hai que reivindicar un perfil propio do PSOE, a tradición galeguista. Non podemos simplemente replicar decisións federais, hai que acomodalas á nosa propia idiosincrasia. Estamos nun espectro similar, pero eso tense que reflectir nas propostas. Coincidimos en moitas cousas porque estamos no mesmo partido, pero hai que representar ben as propostas de cada un.

Alguén pode partir con vantaxe? Agarda que se sume alguén ó proceso electoral?

Se son sincero, non teño noticias de que se vaia sumar alguén máis, pero o prazo está aberto. Creo que con vantaxe partimos os tres cando hai o vento a favor de Pedro Sánchez, tendo superado o partido momentos de tensión anteriores, pero creo que estamos en igualdade de posicións.

A visibilidade que pode ter Leiceaga como portavoz parlamentario pode xogar ó seu favor?

El ten ese plus, pero eu tamén estou no grupo parlamentario. Caballero ten outro tipo de visibilidade polos debates en Vigo e procesos internos. Son puntos de vista distintos que nos colocan a todos na mesma liña de arranque.

Nacido en Ourense, pero fixo a vida na Coruña. Segue mantendo contacto coa provincia?

O vínculo é forte, xa que en Ourense pasei toda a xuventude. Pero tras ir estudar a Santiago, funme a vivir no 2000 á Coruña e é onde estou. Síntome coruñés, pero teño moitos lazos con Ourense.

Estará ó tanto da división do PSOE na provincia.

Teño noticias, porque falo con compañeiros. Pero, precisamente, é o que dicía, temos que tratar de que esa enerxía negativa en tanto debate personalista e orgánico, se transforme en positiva para integrarnos e camiñar xuntos detrás do novo secretario xeral, gañe quen gañe. Doutro xeito, non poderemos presentar á cidadanía un proxecto político. Sería totalmente incoherente, non crible e, polo tanto, a sociedade necesita que o partido estea unido, senón seguiremos como estamos.

Conta xa con apoios en Ourense?

Estou nos primeiros contactos coas agrupacións, nunha fase preliminar. O que busco primeiro é que me coñeza xente que aínda non sabe quen son, explicar que quero facer e a partir de aí tratar de concitar os maiores posibles. Sería agora precipitado falar de apoios, quero escoitar o que os militantes queiran dicir.

Pódelle penalizar ser o menos coñecido?

É algo que teño que traballar, pero non me preocupa. Incluso a novidade pode ser un factor importante para tratar de superar liortas pasadas. Pode ser un valor, máis que unha debilidade.

Fala de facer fronte ó PP, algo que en solitario parece unha quimera. Como sería a política de alianzas con outras forzas como En Marea ou BNG?

O PSOE está gobernando en bastantes concellos e deputacións con apoios do BNG ou Marea. Hai puntos nos que eses gobernos teñen algunha complicación, pero hai casos que van moi ben. O que penso é que o noso contrincante son as políticas do PP e no ámbito da esquerda si que temos moitos puntos de encontro con BNG ou En Marea e podemos chegar a acordos. Pero hai puntos tamén nos que non podemos entrar, como formulacións independentistas ou rupturistas, aí non estamos. 

Te puede interesar