Rocío Salgado: “O difícil dun personaxe como caperuchiña é non caer no cliché"

O próximo domingo, 3 de xaneiro, unha peculiar "Carapuchiña Vermella", interpretada pola actriz verinense Rocío Salgado, chegará ata o Auditorio de Ourense, ás 17,00 horas, da man de Educateatro.

O próximo domingo, 3 de xaneiro, unha peculiar "Carapuchiña Vermella", interpretada pola actriz verinense Rocío Salgado, chegará ata o Auditorio de Ourense, ás 17,00 horas, da man de Educateatro.

Esta Carapuchiña é diferente á dos Grimm?

Si, segue a mesma liña argumental pero introduce novos personaxes (como Lobiño, o fillo do lobo), cancións orixinais con voz en directo e un final diferente. Intentamos introducir detalles didácticos, para que os cativos, ademais de gozar co espectáculo, aprendan a importancia da reciclaxe, as profesións, a igualdade...Carapuchiña é unha rapaza moderna, que emprega novas tecnoloxías.

Representar un personaxe da propia infancia, é especial?

Claro que si! Todos temos un bonito recordo da nosa infancia, e poder volver atrás no tempo sempre xera ilusión. Eu vívoo como unha nena pequena e pásoo en grande xogando e saltando, é realmente como volver a ter 9 anos.

Os contos seguen sendo referencia para os cativos, ou agora xa son máis descoñecidos?

Creo que os contos nunca pasarán de moda, é una forma que teñen os nenos de soñar e de coñecer personaxes aos que lle suceden conf litos que teñen que resolver. Para eles son pequenos referentes que os axudan a crecer como personas e cos que aprender a afrontar as dificultades da vida. Creo que os pais deberían seguir dedicando parte do seu tempo a contarlle contos aos nenos, para eles é moi importante.

Como responde un público que ten dous anos?

Responde xenial, entra de cheo na historia e queda abraiado coa luz e a cor que desprende o espectáculo, pero, sobre todo, coas cancións. Temos que facer que todo o que aconteza a maiores capte o seu interese, falándolles ou mirándoos directamente. Ademais, este é un espectáculo moi interactivo no que os peques teñen que responder, seguir pequenas coreografías, aplaudir ao ritmo da música... e tamén os maiores!

Onde reside para unha actriz a maior complexidade nun espectáculo así?

En non caer no cliché. Sempre que unha persoa maior intenta imitar a un neno vai ao fácil, imitan os xogos, son moi preguntóns, falan de xeito estridente... pero un neno vai moito máis aló. A súa cabeza non para de pensar, de ter preguntas, de aprender... e reflexar iso en 50 minutos é moi difícil. De feito aínda o sigo mellorando función tras función.

Estes espectáculos axudan a crear público teatral?

Si, este tipo de espectáculos xera un público que vai con gusto a ver as obras e que, se sae contento, volve. Os nenos de hoxe serán os homes e mulleres do mañá, e se dende pequenos se acostuman a gozar da maxia do teatro, cando medren continuarán coa afición. 

Te puede interesar