DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Carlos Casares contará cun roteiro literario pola cidade

O percorrido terá 20 placas de cerámica, que lembrarán fitos da vida e obra do autor ourensán

A obra de Carlos Casares, ao que se lle dedicará este ano o Día das Letras Galegas, resucitará polas rúas de Ourense ca creación dun roteiro literario, deseñado polo escritor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín. "Queremos  lembrar a persoa e obra de Carlos Casares e os seus vínculos con Ourense con algo permanente que quede para sempre", explicou Monxardín onte, na presentación da iniciativa no salón de plenos do Concello de Ourense.

O roteiro contará con 20 placas de cerámica, que se instalarán nos próximos días. Cada peza terá un texto dunha obra con algunha conexión co lugar onde se ubica. O percorrido, pensado para veciños, turistas e estudantes e ideado para difundir a obra do autor e a súa relación coa cidade, arrancará no parque de San Lázaro, enfronte ao hotel Parque, onde o homenaxeado coñeceu a Vicente Risco. "Carlos gañou un concurso de narración que tiña un premio moi importante: coñecer a Risco", recordou Javier Casares, irmán do autor e presidente da Fundación Carlos Casares. "Carlos coñecía a Risco de oídas porque meu pai falaba moito del, tíñalle moito cariño porque fora profesor del na Escola de Maxisterio".

Tras pasar pola avenida da Habana –onde naceu o homenaxeado– e varias rúas do Casco Vello, o itinerario rematará na Praza Maior.  De forma paralela, tamén se deseñou unha ruta de 2,3 kilómetros no Seminario Menor, onde Casares estivo cinco anos, e outra en Castro de Beiro, parroquia presente na súa obra "O sol de verán".

De forma paralela, editáronse un total de 2.500 folletos explicativos de 24 páxinas e formarase a mestres. A primeira visita con profesores será o 18 de febreiro.

O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, destacou que Carlos Casares foi un ourensán "dos bos e xeneroso, dos que máis contribuir a elevar esta cidade a categoría de capital da literatura galega. Como escritor historias desta cidade nos seus artigos xornalísticos".

Con esta iniciativa, na que colabora La Región, a cidade contará con dous roteiros literarios, despois do da Esmorga, creado dende o Clube Alexandre Bóveda. "Cando fixemos o roteiro da Esmorga pensábamos que tiñamos que crear máis, ao igual que sucede en moitas cidades literarias. Poder así crear un tecido de sinerxias", puntualizou Vázquez-Monxardín.

Te puede interesar