CÓMIC

Rubín volve a "Cidade Espanto"

photo_camera Rubín asina unha das súas obras no Sindicato do Cómic.

O debuxante ourensán presenta esta tarde no Sindicato do Cómic a reedición dunha das súas obras máis representativas

No 2008, tras unha crise de inspiración o ano anterior, David Rubín sacaba á luz unha das súas mellores obras, fai xa moito tempo agotada nas librarías. Pero os seguidores do ourensán están de sorte, pois este ano saca unha edición ampliada de "Cuaderno de tormentas. Crónicas de los deambulantes por Ciudad Espanto", que presentará no Sindicato do Cómic esta tarde a partir das 18,30 horas.

O artista móstrase contento ao poder publicar esta versión ampliada, "que me gustaría ter feito fai dez anos se daquela tivera o tempo e o talento que teño agora". Os debuxos de "Cuaderno de tormentas" son as respostas ás preguntas que Rubín se fixo a si mesmo cando estaba atravesando esta etapa de vacío creativo, despois da publicación da súa segunda obra. "O éxito de 'La tetería del oso malayo' foi inesperado para min; de súpeto atopeime cun foco enriba, con expectativas sobre o meu traballo, e non souben como xestionalo ao principio", pero desa crise naceu unha das súas creacións máis representativas.

Onde é "Cidade Espanto"?

"Cidade Espanto" non é Ourense, aínda que confesa, entre risas, que "ás veces pode selo un pouco". Trátase dun lugar metafórico que representa, xunto cos seus habitantes,"os momentos polos que pode atravesar calquera artista". Esa frustración foi frutífera, desde esta obra publica un ou dous libros por ano, e con todo este traballo "apenas teño tempo para comerme o tarro". 

É difícil que outra obra ocupe un espazo tan importante na súa carreira. "Téñolle un gran cariño a 'Cuadernos de tormentas', porque foi a miña primeira obra a cor nunha xeración, da que eu veño, onde se non tiñas unha relevancia na profesión, o teu sitio era o branco e negro". Ademais, foi o primeiro libro pensado como tal, pois os anteriores eran recopilacións de debuxos publicados nos seus primeiros anos como debuxante profesional.

"Teño a esperanza, como calquera artista coas súas obras, de que lle guste aos lectores", sentencia.

Te puede interesar