San Cibrao esixe “axilidade” na renovación da depuradora

Imaxe da depuradora de San Cibrao.
photo_camera Imaxe da depuradora de San Cibrao.
O alcalde do municipio define este proxecto como “o máis importante do concello a curto prazo”

O alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández, definiu este luns como “primordial” a necesidade da reforma da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do concello, que sae hoxe a exposición pública tralo anuncio no Boletín Oficial da Provincia. Isto supón o paso previo á licitación da obra. Tras seis meses de avaliación de impacto ambiental ordinaria, a Dirección Xeral da Auga resolveu sacar a información pública o proxecto, no que tamén se inclúen as ordes de expropiación e o estudo de impacto ambiental -que foi o causante do derradeiro retraso-.

Para o rexedor, esta é a obra “máis importante que ten San Cibrao” a curto prazo, xa que permitirá “ter o río limpo”, tamén durante o verán. Estes traballos estarán acompañados da renovación dos 14 quilómetros de colectores. Ademais, Fernández instou a “licitar e executar canto antes esta obra, que acumula retrasos dende o ano 2017”.

O certo é que o proxecto de saneamento do río Barbaña e a mellora da EDAR de San Cibrao acumula un retraso de catro anos, desde que se licitara a confección do proxecto. O último retraso produciuse en abril deste ano, cando a empresa encargada de redactar o informe de impacto ambiental solicitase unha prórroga. Agora faise indispensable que estas obras se liciten canto antes para non perder os preto de 14 millóns de euros de fondos europeos asignados ao proxecto e que obrigan a ter rematados os traballos antes de abril de 2025.

Con esta reforma, tamén se porá fin ao longo historial de multas impostas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), que leva sancionando ao concello dende 2006. Entre os máis de 10 expedientes condenatorios nos últimos 10 anos, destaca a sanción que se lle impuxo por un importe que superaba os 114.000 euros por uns vertidos realizados en marzo de 2010, e en decembro de 2010 por importe de 32.832 euros, máis outras sanción de 18.700 euros no ano 2013, de 10.000 euros no 2015, e 83.000 euros no ano 2016.

Sobre a imposición destas sancións, Pedro Fernández, acusa ao organismo de conca dunha “persecución política ao Concello e á Deputación”, xa que explica que “hai outros concellos doutro sino político que fan os mesmos verquidos e a CHMS mira para outro lado”. O rexedor tamén recorda que “a Confederación di que ten moita vontade, pero as obras aínda non se iniciaron”.

Así, Fernández celebra que este proxecto se desbloquease, xa que “o importante non son as sancións nin as obras, o que queremos é ter o río limpo e unha depuradora que cumpla as súas funcións”. “O río non pertence nin ao Concello nin á Confederación, é patrimonio de tódolos ourensáns e por iso é preciso telo como se debe”, sentenciou.

Te puede interesar