OBRAS

San Cibrao mellorará o estado de tres estradas

O Concello tamén vén de sacar a concurso a mellora e ampliación de toda a rede de videovixilancia nos dous polígonos

O Concello de San Cibrao das Viñas ampliará e reforzará o firme existente así como as marxes en tres viais municipais. Trátase do acceso ao núcleo de Carballo; o camiño que conecta A Carballeira coa Mioteira e o camiño rural da Castellana con Santa Cruz.

O estado actual destas estradas municipais presenta un pavimento bastante deteriorado, polo que necesitan de actuacións urxentes, que se acometerán grazas a unha subvención que vén de conceder a  Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O investimento previsto ascende a algo máis de 46.000 euros, dos cales algo máis de 38.000 serán financiados pola Administración autonómica, e pouco máis de 8.000 corresponderán a fondos do Concello. O obxectivo é adecuar todas as estradas do municipio e evitar o mal estado que poidan ter, tanto fochancas como de desgaste do firme. 

No camiño de acceso ao núcleo de Carballo, que conta cunha lonxitude total de 500 metros, é necesario reverter o estado do pavimento, actualmente deteriorado; entre A Carballeira e A Mioteira hai unha lonxitude de 672 metros no que se actuará, mentres que entre A Castellana e Santa Cruz, o treito para acondicionar suma medio kilómetro, ambas tamén en mal estado. 

No Carballo, procederase a unha preparación do camiño cun barrido enérxico do firme e a limpeza da cunetas onde sexa necesario para a posterior pavimentación cunha dobre capa de asfalto. Estas mesmas actuacións serán tamén efectuadas nas outras dúas estradas. 

Por outra banda, o Concello de San Cibrao vén de licitar por un valor de case 110.000 euros as obras de mellora e ampliación da rede completa de videovixilancia e televixilancia nos polígonos industriais de Barreiros e San Cibrao.

Te puede interesar