Tendas de electrodomésticos esquecen o uso dos contedores

Sancións ós comerciantes por deixar o lixo nas rúas

A Concellería de Medio Ambiente do Carballiño está a facer un seguimento estricto dos horarios e dos xeitos de depósito de lixo nos contedores do casco urbano, co obxectivo de que os cidadáns cumpran a ordenanza vixente encol da protección dos espazos públicos. Así, os axentes da Policía Local están a controlar semanalmente as posibles situacións nas que se infrinxa a normativa, en especial a relativa ó uso diferencial dos depósitos de residuos orgánicos e de materias reciclables.
No caso concreto dos empresarios, o responsable desta área municipal, Bernardo García, sinala que 'temos detectado que alguns comerciantes do sector de electrodomésticos non utilizan os contedores azuis reservados para o tipo de material que manexan, deixando as caixas de embalaxes de cartón e poliéster no chan'. Un exemplo delo é diario na céntrica Praza da Mina, onde os rapaces que xogan polas tardes adícanse a esparcir todo o material de residuos dos comercios polo contorno, coma ocurriu neste pasado domingo.

'Os propietarios de estes negocios, a maioría ubicados na Rúa do Paseo, xa foron advertidos pola Policía Local, e se persisten na súa actitude non haberá máis remedio que abrirlles un expediente sancionador'.


HOSTELERÍA

As multas previstas na ordenanza para este tipo de infraccións oscilan entre os 30 euros (nunha primeira sanción), ata os 100 e 1.000 euros en caso de reincidencia, ó ser consideradas de gravidade as faltas, respectivamente. A vixiancia do uso indebido dos contedores exténdese tamén ó sector de hostelería. Bernardo García apunta que 'os titulares destes establecementos aproveitan que os contedores de lixo orgánico (verdes) están abertos para descargar alí as botellas de cristal de viño, cervexa ou licores, cando teñen a súa disposición depósitos pequenos para os seus locais, que logo poden baleirar nos contedores de vidro'.

Te puede interesar