'Sete traballadores diarios' foron despedidos con EREs durante o pasado ano, en Ourense

Rolda de prensa da CIG (Foto: Martiño Pinal)
O secretario comarcal da CIG en Ourense, Etelvino Blanco alertou nesta mañá sobre a multiplicación de expedientes de regulación de emprego na provincia durante 2012, que afectaron '2.360 persoas', o que supón unha media de 'case sete traballadores diarios' incluídos nun destes procesos.
Significa isto que este tipo procesos se duplicaron con respecto a 2011. 'No ano pasado os ERE aumentaron en 117,5%' apuntou Blanco, pasando dos '63 de 2011 aos 137 de 2012'.

Durante a rolda de prensa desta mañá, explicou tamén que foron os expedientes de redución de cadro de persoal os que máis creceron 'até 227'3%'.

Da man destes expedientes chegan, mantivo, 'as contratacións precarias' referidas ao empeoramento de condicións laborais, salariais e, especialmente, á temporalidade.

Fronte aos expedientes de redución, sinalou que os de extinción se viron reducidos en 28,8%.

Porén, Blanco non interpreta este dato como positivo. Aclarou que antes da reforma laboral 'calquera despedimento colectivo tiña que levarse a través dun expediente de regulación' mais que agora se poden realizar a través de 'cartas de despedimento individuais' e que por iso se rexistra o descenso.

Por sectores, Blanco mostrou especial preocupación polo sector servizos, cun total de '70 procedementos en 2012', área en que se gardaba unha 'grande esperanza de que se mantivese'. Pola contra, os 'continuos recortes', dixo Blanco, significaron un 'descenso no consumo' que repercutiu directamente no sector.

No referente ao futuro, non se mostra optimista xa que 'a situación interna que coñecemos dalgunhas empresas' de sectores como o industrial ou os servizos levan a pensar que en 2013 a situación continuará nesta mesma dirección.

'Mentres o desemprego aumenta en 32% a Xunta reduce 40 millóns en promoción para o emprego', sentenciou Blanco, quen considera que 'Ourense está tocando fondo' en parte, por causa da reforma laboral que 'dá froitos a aqueles para os que foi deseñada, os empresarios'. Reprochou neste sentido que empresas 'aproveitan os expedientes para mellorar os seus dividendos'.

Te puede interesar